FESTAS

Outra exitosa edición do Día do Traxe Galego

26/07/2015 As festas do Apóstolo continuaron este domingo coa XXXVI edición do Día do Traxe Galego, organizado pola Asociación do Traxe Galego e coa colaboración de El Corte Inglés. Ademais, houbo un Serán de Hip-Hop en Vite.

O alcalde compostelán, Martiño Noriega, e algún outro concelleiro sumáronse a este Día do Traxe Galego, que arrancou coa concentración de participantes na Alameda e co posterior desfile ata a praza do Obradoiro. Logo, a comitiva dirixiuse á Catedral para participar nunha misa e realizar a súa ofrenda ao Apóstolo.

Xa pola tarde, concentración en San Domingos de Bonaval. Os participantes, ataviados co traxe galego, desfilaron ata a Quintana, onde se celebrou a exhibición e concurso de traxes e a posterior entrega de premios. Tras a entrega dos galardóns anuais da Asociación do Traxe Galego, a xornada pechouse coa interpretación do Himno Galego pola Banda Municipal de Música, que tamén acompañou coa súa música aos participantes no desfile previo.

Houbo premios de 400 euros para os mellores traxes antigos completos, tanto de muller coma de home. No caso dos traxes de cotío outorgáronse 300 euros ao primeiro/a e 200 euros ao segundo/a clasificado/a. A mesma dotación foi para os mellores traxes modernos. O xurado tamén elixiu os mellores traxes vestidos por un neno e por unha nena, que recibiron un agasallo conmemorativo. Finalmente, o xurado outorgou dous premios especiais: un de 600 euros para o grupo e máis de 10 persoas no que ningún dos seus integrantes se inscribira de xeito individual, e outro de 200 euros para a mellor peza ou conxunto de pezas antigas.

Serán de Hip-Hop
O parque Fermín Bouza Brey, en Vite, acolleu o Serán de Hip-Hop. O artista convidado foi o portugués Mundo Segundo, figura clave do hip-hop portugués e un dos máis activos embaixadores do movemento. Forma parte de Dealema, unha das máis lonxevas agrupacións de hip-hop no país veciño. Estivo acompañado por Arce, Comando Katana, Digo Diego, Grave Fame, La Hostia en Verso e Los Orate.

Compartir: