FESTAS

O Día do Traxe Galego e un serán de hip-hop na xornada do domingo do Apóstolo

25/07/2015 Unha das xornadas xa tradicionais dentro das Festas do Apóstolo é o Día do Traxe Galego, organizado pola Asociación do Traxe Galego e coa colaboración de El Corte Inglés. Celébrase este domingo 26, con actividades ao longo de todo o día no que será a súa XXXVI edición. Ademais, tamén teremos en Vite (no parque Fermín Bouza Brey) o Serán de Hip-Hop a partir das 20:00 h. A xornada pecharase coa Orquestra Players ás 22:30 h na Alameda.

O XXXVI Día do Traxe Galego arrincará ás 11:30 horas coa concentración de participantes na Alameda e co posterior desfile ata a praza do Obradoiro, pasando por Porta Faxeira, Toural, rúa do Vilar e Praterías. Logo, a comitiva dirixirase á Catedral para participar ás 13:15 horas nunha misa, na que realizarán a súa ofrenda ao Apóstolo.

Xa pola tarde, ás 16:00 horas, concentración en San Domingos de Bonaval. Os participantes, ataviados co traxe galego, desfilarán ás 19:30 horas ata a Quintana. Pasarán por Casas Reais, Cervantes, Preguntoiro, rúa Nova, rúa do Vilar, Praterías e Conga, para entrar na Quintana por San Paio e Casa da Conga. Cómpre lembrar que para participar neste desfile non é preciso inscribirse, só presentarse na saída cuns cinco minutos de antelación.

No escenario da praza da Quintana, ás 20:00 horas, celebrarse a exhibición e concurso de traxes e a posterior entrega de premios. Tras a entrega dos galardóns anuais da Asociación do Traxe Galego, a xornada pecharase coa interpretación do Himno Galego pola Banda Municipal de Música, que tamén acompañará coa súa música aos participantes no desfile previo.

Haberá premios de 400 euros para os mellores traxes antigos completos, tanto de muller coma de home. No caso dos traxes de cotío outorgaranse 300 euros ao primeiro/a e 200 euros ao segundo/a clasificado/a. A mesma dotación é a prevista para os mellores traxes modernos. O xurado tamén elixirá os mellores traxes vestidos por un neno e por unha nena, que recibirán un agasallo conmemorativo. Finalmente, o xurado outorgará dous premios especiais: un de 600 euros para o grupo e máis de 10 persoas no que ningún dos seus integrantes se inscribira de xeito individual, e outro de 200 euros para a mellor peza ou conxunto de pezas antigas.

O Concello e a Asociación do Traxe Galego convidan a adultos e nenos e vestir nesta xornada os traxes tradicionais e a lucilos polas rúas de Compostela. En particular, dende a Asociación piden a agrupacións e escolas de música e danza galega que fagan un chamamento aos seus alumnos e alumnas para que participen no desfile e lles ofrezan tamén os seus fondos de vestiario tradicional.

Serán de hip-hop
O parque Fermín Bouza Brey é o lugar onde se celebrará o Serán de Hip-Hop este domingo 26 a partir das 20:00 horas. O artista convidado é o portugués Mundo Segundo, figura clave do hip-hop portugués e un dos máis activos embaixadores do movemento. Forma parte de Dealema, unha das máis lonxevas agrupacións de hip-hop no país veciño. Estará acompañado por Arce, Comando Katana, Digo Diego, Grave Fame, La Hostia en Verso e Los Orate.

Direcciones relacionadas



Compartir: