FESTAS

Un espectáculo envolvente conmemorou os 30 anos de Santiago de Compostela como cidade Patrimonio da Humanidade

24/07/2015 As proxeccións repartidas nesta ocasión entre a Catedral e o Pazo de Raxoi, combinadas coa música e a pirotecnia crearon un espectáculo dos Fogos do Apóstolo que destacou polo seu carácter envolvente. O fío condutor foi a celebración dos 30 anos da declaración de Santiago de Compostela como cidade Patrimonio da Humanidade.

A principal novidade desta edición foi que o espectáculo ocupou diferentes espazos da praza do Obradoiro xerando unha sensación envolvente, xa que as proxeccións multimedia mostráronse sobre as fachadas da Catedral e do Pazo de Raxoi. Ademais, houbo diferentes xogos lumínicos e pirotécnicos noutros espazos da praza, coma o Hostal e o Reitorado, creando unha experiencia en 360º e diversos efectos tridimensionais.

O espectáculo constou de sete escenas, a través das que se amosaron elementos icónicos do Camiño de Santiago e se percorreron os lugares máis emblemáticos da cidade, que levaron a que, hai 30 anos, a UNESCO declarase o casco histórico de Santiago de Compostela como Patrimonio da Humanidade.

Foi un espectáculo multimedia no que se empregaron técnicas audiovisuais punteiras coma o warping (proxección de imaxes sobre edificios aproveitando os seus relevos), efectos especiais, pirotecnia e música. Este ano, o elemento humano cobrou maior importancia e formaron parte da posta en escena un pernilongo que percorreu a praza ao inicio do espectáculo e unha banda de gaiteiros que interpretou en directo parte da banda sonora.

O espectáculo foi posible grazas á utilización de 11 proxectores de vídeo de 22.000 lumens cada un, 36 proxectores móbiles de luz, 6 torres de son envolvente cunha potencial total de 100.000 W e case 5.000 artefactos pirotécnicos.

Apertura á cidadanía
Outra das novidades desta edición dos Fogos do Apóstolo foi que 50 cidadáns e cidadás puideron presenciar o espectáculo dende o espazo reservado para convidados, así como asistir ao concerto previo da Real Filharmonía de Galicia no Hostal dos Reis Católicos.

Cumprindo o compromiso do Goberno local de abrir o espazo municipal e os seus actos á cidadanía, o Concello sorteou 25 convites dobres, dispoñibles unha vez confirmados os convites protocolarios obrigados polo Real Decreto de Precedencias. Ao sorteo presentáronse 3.445 solicitudes.

Linda Martini e Kumpania Algazarra
A achega musical da xornada veu da man de dúas bandas portuguesas: Linda Martini e Kumpania Algazarra. Como non podía ser doutro xeito, e máis nesta noite grande das festas, a praza da Quintana rexistrou outro cheo. Os que preferiron outro tipo de ritmos tiveron a oportunidade de bailar coa orquestra Miramar na Alameda.

Compartir: