ALCALDÍA

O Concello de Santiago homenaxea a Camilo Díaz Baliño e a Isaac Díaz Pardo

25/07/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presidiu onte o acto de homenaxe a Camilo Díaz Baliño e do seu fillo, Isaac Díaz Pardo, con motivo do Día Nacional de Galicia. Ademais, a Alcaldía publicou este 25 de xullo un bando en lembranza destes dous galeguistas.

No número 37 da rúa das Hortas, onde nacera e pasara boa parte da súa infancia Isaac Díaz Pardo, o alcalde descubriu unha placa en lembranza do intelectual galeguista, artista e editor falecido en 2012, e tamén do seu pai, Camilo Díaz Baliño, fusilado en 1936.

Con motivo desta homenaxe, este 25 de xullo, a Alcaldía do Concello de Santiago publicou tamén un Bando no que se fai un chamamento a veciñanza de Compostela a "celebrar o Día Nacional de Galiza e dedicarllo especialmente, neste 2015, á lembranza e homenaxe de Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo", figuras clave na "memoria colectiva da nosa cidade" e ambos da "grei dos bos e xenerosos".

Nestas palabras de lembranza destácase o seu traballo e esforzo ao servizo do colectivo para lograr un país mellor, contribuíndo a "mudar o sentido das cousas". "A nación dos galegos e das galegas que desexamos é cívica, colectiva e fraterna", indica o Bando a propósito duns valores transmitidos polos homenaxeados e entendendo a memoria como "exercicio de saúde democrática",

"Compostela quere exercer como capital do proxecto, está disposta a liderar o proceso de transformación que marque un horizonte máis xusto para Galiza, para as súas xentes. Un futuro que só se pode construír dende o ben común e en formatos cooperativos. Un futuro de benestar para toda a sociedade e non só para uns poucos", remata o Bando.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: