FESTAS

Actos institucionais, pasarrúas, exhibición de taekwondo, orquestra e concerto de Sumrrá & Friends no día grande das festas do Apóstolo

24/07/2015 O sábado 25 de xullo celebramos o día grande das festas do Apóstolo 2015 e, como tal, a xornada estará centrada pola mañá nos actos institucionais da Ofrenda ao Apóstolo. Pero tamén temos cita coa troula, xa que a partir das 12.30 h haberá pasarrúas coa Charanga de Cabezudos pola cidade histórica. Xa pola tarde, ás 18:00 h, haberá unha exhibición de taekwondo con campións do mundo deste deporte na praza do Obradoiro e, ás 22:00 h, concerto de Sumrrá & Friends na praza da Quintana. A partir das 22:30 h tocará a orquestra América na Alameda.

Estes deportistas do Demostration Team of Seul Council of Sport for All realizan un rechamante espectáculo no que realizan diversas técnicas de rompementos típicos desta arte marcial, combinadas con diversas acrobacias.

O que estará na praza do Obradoiro é o equipo campión do mundo de exhibición e foi convidado a países como Tailandia, Sudáfrica, China, Estados Unidos ou México, entre outros.

A presenza en Santiago deste equipo é posible grazas a que un antigo integrante do mesmo, Seung Han Shin Jang, é agora director do club organizador. Este cinto negro 7º Dan WTF (Federación Mundial de Taekwondo), tamén exhibirá unha das súas especialidades, o rompemento de mármores.

Sumrrá & Friends
O concerto central do 25 de xullo é o que darán Sumrrá & Friends na praza da Quintana a partir das 22:00 horas e con entrada libre, como todas as actividades das festas. Formado polos músicos Manuel Gutiérrez (piano), Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo) e L.A.R. Legido (batería), o trío de jazz SUMRRÁ está considerado como "o trío máis innovador da escena española" (Candido Querol).

Trátase dunha formación cunha das traxectorias máis sólidas e constantes da escena jazzística española, con gran proxección internacional, como certifican as súas xiras por Bolivia, Francia, Bulgaria, Portugal ou Sudáfrica e o seu paso por numerosos festivais como Jazz Plus Festival (Sofía), Festival San Juan Evangelista (Madrid), Johannesburg Joy of Jazz (Southafrica), Festival de Jazz ImaxinaSons (Vigo), Ciclo de Jazz 1906 (Valencia, Barcelona, Bilbao, Oviedo), Festival de Jazz de la Paz (Bolivia), Festival de Jazz de Santa Cruz (Bolivia), Festival de Jazz de Alcudia (Mallorca)…

Dende os seus inicios na cidade de Compostela, Sumrrá engaiolou a crítica e público cun jazz inclasificable, melódico e moi aberto, destacando a orixinalidade das súas composicións, a calidade dos seus integrantes e a frescura dos seus directos. Sumrrá non entende de modas, de etiquetas, nin de estilos. Pasaron 14 anos dende esta feliz reunión, que no jazz é moito tempo, e o trío continúa reinventándose e alimentándose dos proxectos paralelos dos seus compoñentes.

Direcciones relacionadas



Compartir: