FESTAS

Artellando pon fin a seis días de actividade cultural por toda a cidade e o rural de Santiago cunha exitosa resposta do público

23/07/2015 Despois de seis días de programación cultural por toda a cidade e o rural de Santiago de Compostela, Artellando chegou o xoves ao seu punto e final dentro das festas do Apóstolo 2015, cunha notable resposta por parte da cidadanía e con éxito de público en todos os espectáculos que se celebraron.

A primeira edición desta nova forma de artellar as festas da capital galega sáldase cunha valoración moi positiva. Por primeira vez, os barrios do concello que non están non centro histórico contaron con actividades no Apóstolo e unha ampla lista de máis de 130 artistas pasaron por máis de vinte puntos diferentes de Compostela.

Con Artellando, a cidade viviu varios fitos durante estes días. Grazas á organización desta programación, recuperouse a praza do Toural para as festas do Apóstolo, lugar que nos últimos anos non acollía ningún tipo de actividade nestas festas. Os concertos celebrados no Toural durante as noites desta semana deixaron a imaxe dunha praza chea de xente que acudiu ás citas musicais para gozar de propostas como Fetén Fetén, Fado Violado, Alba María ou Marcelo Mercadante. O mesmo aconteceu coa praza Roxa, onde este ano tiveron lugar en horario de tarde numerosos espectáculos, neste caso para público familiar e infantil. E de destacar é tamén a apertura do parque de Belvís e do parque de Bonaval como lugares das festas composteláns.

O mércores pola noite, máis de 3.000 persoas acudiron á Gala de Circo CirCompostela no Parque de Belvís, pola que pasou o máis destacado do novo circo da cidade. Deseñada en colaboración con PistaCatro e Culturactiva, CirCompostela supuxo que, por primeira vez, o Circo forme parte da programación das festas do Apóstolo, abrindo un camiño de cara a conseguir que os festexos do Concello inclúan todo tipo de propostas culturais, en todo o abano horario do día e da noite, e para todo tipo de gustos e públicos.

De destacar tamén é a Romaría Cativa, que este xoves durante toda a tarde acolle o parque de Bonaval e que reune música, danza, malabares, percusión e xogos nun festival infantil marcadamente galego no que Mamá Cabra e María Fumaça farán bailar e cantar aos miles de nenos, nenas e maiores que ata alí se acheguen. A primeira edición da Romaría Cativa ven co ánimo de que tamén os máis cativos da casa teñan a súa gran cita con programación específica para eles nas festas do Apóstolo.

Ademais, o feito de que o Concello pensara no potencial dos numerosos centros socioculturais que hai en Santiago para estas festas, fixo que por primeira vez lugares como Meixonfrío, Ames, Brañas de San Andrés, Nemenzo, Sar, etc, gozaran tamén de ter un oco e algunha actividade do Apóstolo 2015, dentro dunhas festas descentralizadas.

Artellando remata este xoves, pero este proxecto naceu este ano con vocación de continuar. Simplemente se trata dun punto e principio, de cara a continuar traballando dende o Concello en colaboración co sector cultural da cidade, cos centros socioculturais e con demais axentes, para xuntos artellar novos movementos dende a Administración municipal que poidan lograr festas máis participativas, inclusivas e abertas, nas que cidadáns e implicados se sintan cómodos. A rede colaborativa entre a Concellería de Acción Cultural de Santiago e a cidadanía simplemente está a comezar e nos próximos meses continuarase avanzando para artellar o movemento que se iniciou coa programación destas festas.

Compartir: