FESTAS

Música, xigantes e cabezudos e o espectáculo dos Fogos, na xornada do 24 do Apóstolo

23/07/2015 A xornada do 24 de xullo ten como prato forte un dos eventos máis esperados das festas: o espectáculo nocturno dos Fogos do Apóstolo. Será na praza do Obradoiro a partir das 23:30 h, deseñados este ano por Acciona Producciones e Diseño-Pirotecnia Ricasa. Pero hai outras moitas citas na xornada, que comeza ás 12:00 h co Encontro de Xigantes e Cabezudos na praza da Quintana e xa ás 12:30 h na do Toural. A partir das 22:00 h teremos concerto de Linda Martini na praza da Quintana, onde tamén estarán, pero xa ás 24:00 h Kumpania Algazarra. Tamén a esta hora tocará a orquestra Miramar na Alameda.

Este ano, o fío condutor será a celebración da declaración de Santiago de Compostela como cidade Patrimonio da Humanidade, da que se cumpren 30 anos. A principal novidade desta edición é que o espectáculo ocupará diferentes espazos da praza do Obradoiro xerando unha sensación envolvente, xa que as proxeccións multimedia mostraranse sobre as fachadas da Catedral e do Pazo de Raxoi. Ademais, haberá diferentes xogos lumínicos e pirotécnicos noutros espazos da praza, coma o Hostal e o Reitorado.

O espectáculo comporase de sete escenas a través das que se amosarán tradicións arraigadas na cultura galega, elementos icónicos do Camiño de Santiago, e percorreranse os lugares máis emblemáticos da cidade, que levaron a que, hai 30 anos, a UNESCO declarase o casco histórico de Santiago de Compostela como Patrimonio da Humanidade.

Será un espectáculo multimedia no que se empregarán técnicas audiovisuais punteiras coma o warping (proxección de imaxes sobre edificios aproveitando os seus relevos), efectos especiais, pirotecnia e música. Este ano, o elemento humano cobrará maior importancia e formarán parte da posta en escena un pernilongo que percorrerá a praza, unha banda de gaiteiros e outros músicos que interpretarán en directo a banda sonora do espectáculo.

Esta edición dos Fogos do Apóstolo terá carácter inmersivo, coa utilización, por primeira vez, de varios espazos da praza do Obradoiro dende os que se combinarán proxeccións, efectos lumínicos, xogos pirotécnicos e músicos reais que permitirán ao espectador gozar dun escenario de maior amplitude e vivir unha experiencia en 360º. Dáse así unha solución ao problema que supoñen as obras de recuperación da fachada de la Catedral, que obrigan a minimizar as proxeccións sobre a mesma pola dificultade que entraña a lectura de imaxes sobre a estada. Instalaranse 11 proxectores de vídeo de 22.000 lumens cada un, 36 proxectores móbiles de luz, 6 torres de son envolvente cunha potencial total de 100.000 W e case 5.000 artefactos pirotécnicos.

Linda Martini e Kumpania Algazarra
Os concertos da noite do 24 na praza da Quintana serán con dúas bandas portuguesas: os Linda Martini a partir das 22:00 h e Kumpania Algazarra a partir das 24:00 h. Os Linda Martini son unha banda de rock nacida no 2003 e que na actualidade está formada por A. Henriques (voz e guitarra), C. Guerreiro (baixo e voz), H. Morais (Vatería e voz) e P. Geraldes (guitarra e voz), que son catro dos cinco membros que fundaron a banda. Estiveron en festivais coma Optimus Alive, Paredes de Coura, Primavera Sound ou Rock in Rio.

Despois deles chegará Kumpania Algazarra, unha banda nacida nas rúas de Sintra no 2004, pero que tamén son unha formación de escenario. Nestes 10 anos que ten de vida actuou nos mellores festivais de Portugal e viaxou a moitos países ofrecendo a súa música baseada na fusión e na coctelería musical e que nos remite a artistas como Muchachito Bombo Inferno, Mano negra, Goran Bregovic ou Tonino Carotone.

Direcciones relacionadas



Compartir: