FESTAS

Xornada de circo e folk nas festas do Apóstolo

22/07/2015 O parque de Belvís converteuse este mércores nun gran parque do circo, grazas á Gala de Novo Circo Compostelán Circompostela, organizada por Culturactiva e por PistaCatro dentro da programación Artellando das festas do Apóstolo 2015. Ao tempo, pero na praza da Quintana, soou o folk de formacións como Pepe Vaamonde Grupo ou Tis Che Tein.

Na Gala de Novo Circo, enmarcada no Artellando no solpor, participaron destacados artistas de malabares, danza, equilibrios, pallasos, músicos e circo, como Aitor Garuz, Manu Lago, A Magnifique Bande dos Homes sen Medo, Os Sete Magníficos máis Un, Raquela Oitavén, Mertxe Solé, Peter Punk ou a Compañía Duelirium. O evento foi conducido por dúas mulleres moi especiais e importantes na cidade, As Dúas Marías.

O IV Certame Folk, organizado por La Voz de Galicia, celebrouse na praza da Quintana, con xogos de habilidade, obradoiros e varios concertos, ademais da Feira de Artesanía e de Deseño. No capítulo musical, os protagonistas foron Magin Blanco, Cantigas e Agarimos, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, Tis Che Tein e Pepe Vaamonde Grupo.

A xornada contou con outras actividades. Así, dentro do Artellando nos barrios, os máis pequenos puideron gozar en Figueiras con A historia de Branca Flor, de Os Sete Magníficos máis Un, e na praza do Cruceiro Vello, en Conxo, co espectáculo familiar Burro-máquina, de Inacio Vilariño.

Meixonfrío acolleu Babamor, de Larraitz Urruzola, e a praza Roxa foi o lugar onde Raquel Queizás relatou O segredo do tendal.

Este mércores tamén houbo Artellando nos recunchos. Nesta ocasión foi na praza de Mazarelos, onde se puido ver o espectáculo Só unha escusa, de Rut Balbís e Cristina Montero.

Compartir: