FESTAS

Belvís converterase este mércores nun gran parque do circo dentro das festas do Apóstolo

21/07/2015 O parque de Belvís converterase o mércores pola noite nun gran parque do circo. A partir das 22:30 horas comezará a Gala de Novo Circo Compostelán Circompostela, organizada por Culturactiva e por PistaCatro dentro da programación Artellando das festas do Apóstolo 2015. Ademais, nesta xornada teremos o IV Certame Folk organizado por La Voz de Galicia, con xogos de habilidade, obradoiros e varios concertos, ademais da Feira de Artesanía e de Deseño. O calendario festivo complétase con outras moitas actividades de Artellando nos barrios e nos recunchos.

Por cuarto ano celébrase o Certame Folk dentro das festas do Apóstolo e da man de La Voz de Galicia. A xornada comeza xa ás 11:00 h coa Feira de Artesanía e de Deseño, que se celebrará ata as 23:00 h. Ademais, teremos xogos de habilidade con materiais reciclados de 12:00 a 14:00 e de 16:30 a 17:30 h; e varios concertos xa pola tarde: Magin Blanco ás 18:00 h, Cantigas e agarimos ás 19:00 h, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre ás 20:00 h, Tis Che Tein ás 21.30 e Pepe Vaamonde Grupo ás 22.30 h. Todas as actividades son na praza da Quintana e con entrada libre.

Artellando
Como diciamos, o prato forte deste mércores 22 será a Gala de Novo Circo, que se enmarca no Artellando no solpor e que se celebra no parque de Belvís a partir das 22:30 horas. Na Gala participarán destacados artistas de malabares, danza, equilibrios, pallasos, músicos e circo, como Aitor Garuz, Manu Lago, A Magnifique Bande dos Homes sen Medo, Os Sete Magníficos máis Un, Raquela Oitavén, Mertxe Solé, Peter Punk ou a Compañía Duelirium. O evento será conducido por dúas mulleres moi especiais e importantes na cidade, As Dúas Marías.

Pero para a xornada tamén están programadas outras actividades. En horario de mañá, Artellando nos barrios chegará ao Centro Sociocultural de Figueiras, onde a partir das 12:00 horas o público infantil poderá gozar con A historia de Branca Flor de Os Sete Magníficos máis Un. Ás 12:30 horas, na praza do Cruceiro Vello (rúa de Sánchez Freire), en Conxo, estará o espectáculo para público familiar Burro-máquina, de Inacio Vilariño.

Xa pola tarde, Babamor, de Larraitz Urruzola, está programado para as 19:00 horas no Local Social Casa Agraria de Meixonfrío. E na praza Roxa, o mércores será a quenda de Raquel Queizás, que protagonizará a contada O segredo do tendal a partir tamén das 19:00 horas.

O mércores tamén haberá Artellando nos recunchos. Nesta ocasión será na praza de Mazarelos, onde se poderá ver o espectáculo Só unha escusa, de Rut Balbís e Cristina Montero, a partir das 21:30 horas.

Direcciones relacionadas



Compartir: