ALCALDÍA

O alcalde deu a benvida aos participantes na Reunión Anual de Directores do Instituto Cervantes cos versos galegos de Lorca

21/07/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, deu a benvida na Cidade da Cultura aos participantes na Reunión Anual de Directores do Instituto Cervantes, inaugurada pola S.M. a Raíña Dona Letizia. Fíxoo cun dos Seis poemas galegos de Federico Carcía Lorca, o "Madrigal á cibdá de Santiago".

Martiño Noriega exerceu de anfitrión para recibir os participantes nun "punto de encontro" como Santiago de Compostela, "símbolo que ten desbordado as nosas fronteiras, xa non é só nosa, dos galegos e das galegas, senón que é un referente xa de carácter mundial". Convencido de que esa "universalidade" foi un motivo para a celebración na cidade deste encontro, deu a benvida á "súa casa" aos directores do Instituto Cervantes.

As primeiras verbas do alcalde foron en galego, porque, como dixo, "Santiago é todos os días unha mestura de culturas e falas. Unha urbe que vive o seu día a día asentada na multiculturalidade, e que se beneficia dunha diversidade e dunha pluralidade que a enriquecen enormemente". Así, lembrou que "o galego, a lingua propia da Galiza, é irmá do castelán, e ambas son hoxe linguas de uso xeral en Compostela, convivindo con múltiples fonéticas chegadas de numerosísimas procedencias".

Convidou os visitantes a desfrutar da cidade e aconsellounos fixarse nos "pequenos detalles", nesas "mostras de autenticidade que só poderán encontrar en Compostela". O rexedor emprazounos tamén a percorrer as súas rúas e prazas, "aquelas polas que paseou un dos máis grandes autores da literatura en castelán como foi Ramón María del Valle-Inclán", ou nas que transcorreu gran parte da vida de Rosalía de Castro, "autora que soubo inmortalizar o xenio creador galego como ningunha outra, muller rebelde que soubo traducir á linguaxe literaria a alma de todo un país e que soubo denunciar as inxustizas sociais e de xénero, facéndoo ademais en ambas linguas".

E sen abandonar as referencias literarias, malia o soleado día, Martiño Noriega quixo rematar a súa intervención cuns dos "máis belos versos que lle teñan dedicado nunca a unha cidade, a nosa Compostela". Así, recitou o "Madrigal á cibdá de Santiago", un dos Seis poemas galegos de Federico García Lorca:

Chove en Santiago
meu doce amor
camelia branca do ar
brila entebrecida ao sol.

Chove en Santiago
na noite escura
herbas de prata e sono
cobren a valeira lúa.

Olla a choiva pola rúa
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaido
soma de cinza do teu mar.

Soma e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol
agoa da mañan anterga
trema no meu corazón.

Reunión Anual
A Reunión Anual de Directores do Instituto Cervantes congrega ata o xoves en Santiago a 70 responsables da institución. Todo o equipo directivo do Cervantes en España e os directores de case 60 centros repartidos polos cinco continentes establecerán as liñas de actuación na promoción internacional da lingua española e da cultura en español.

Un dos temas principais desta xuntanza será o papel do Instituto Cervantes en relación ás novas leis de nacionalidade para estranxeiros residentes e para sefardís e á certificación do español a través do diploma oficial DELE e do futuro certificado SIELE.

Documentos relacionados



Compartir: