FESTAS

Concerto de Gentleman & The Evolution e seis propostas de Artellando na xornada do martes 21 das festas do Apóstolo

20/07/2015 Gentleman & The Evolution son os protagonistas da xornada das Festas do Apóstolo 2105 do martes 21 de xullo. Estarán ás 22:00 horas na praza da Quintana nun concerto con entrada libre, como todas as propostas do programa de Festas deste 2015. O programa complétase con seis actividades de Artellando: narración oral con Brais das Hortas na Gracia e con Contos Daboapipa en Vite e San Lourenzo; teatro coa compañía O Bandullo Azul na Praza Roxa; danza con Ánxela Blanco detrás do CGAC; e música con Marcelo Mercadante na praza do Toural.

Gentleman, a superestrela alemá do reggae está a xirar por Europa neste 2015 desde Colonia. Tras a publicación do seu sexto álbum de estudo, Live your live, xunto ao xamaicano Richie Stephens, e o seu sétimo álbum en solitario, New Day Dawn, está embarcado nesta nova aventura da man da cadea MTV cun formato Unplugged, cun primeiro single de colaboración xunto á estrela xamaicana Shaggy. Ademais da presentación dos discos e do enerxético e rompedor espectáculo que sempre pon en escena Gentleman xunto á súa banda The Evolution, contaremos con todos os seus hits que o levantaron ao cume do reggae a nivel mundial.

Artellando
Marcelo Mercadante e Gustavo Battaglia tocan xuntos dende 1994. O primeiro é un dos máis prestixiosos bandoneistas arxentinos que hai na actualidade; o segundo, tamén arxentino, é dos mellores guitarristas de tango en activo. Ambos están afincados en Barcelona e serán os protagonistas do Artellando na noite desde martes. O concerto empezará ás 23:00 horas na praza do Toural.

Durante o día, a programación de Artellando destinada ao público infantil continuará o seu periplo polos barrios de Santiago, co obxectivo de que a festa do Apóstolo 2015 se sinta en toda a cidade e tamén no rural do concello. Así, ás 12:30 horas, Brais das Hortas estará cos seus Contos en obras no Centro Sociocultural da Gracia; e a esa mesma hora, no Centro Sociocultural de Vite, a compañía Contos Daboapipa representará Contos de animalario, espectáculo que se repetirá ás 19:00 horas no Centro Sociocultural de San Lourenzo.

Pola súa banda, na Praza Roxa, cativos e maiores poderán gozar con A incrible historia de Robinson Crusoe, da compañía teatral clown Bandullo Azul, integrada polos actores Fran Ameixeiras e Fran Campos e dirixida por Evaristo Calvo . Será a partir das 19:00 horas.

O toque máis vangardista da xornada virá da man de Ánxela Blanco, que estará no calexón do CGAC a partir das 21:30 horas para presentar o seu traballo Olivia necesita verán.

Direcciones relacionadas



Compartir: