CONVIVENCIA

A Policía Local súmase á campaña da DXT de vixilancia e control da velocidade ao volante

20/07/2015 O Concello de Santiago de Compostela adhírese unha vez máis, como é habitual, á campaña especial sobre vixilancia e control da velocidade que promove a Dirección Xeral de Tráfico (DGT), polo cal a Policía Local levará a cabo controis da velocidade nas principais vías urbanas da nosa cidade entre os días 20 e 26 de xullo.

Aínda que na última campaña desta índole realizada en Santiago, o pasado mes de abril, os datos extraídos se pode afirmar que soamente foi denunciado o 1% dos 18.155 vehículos controlados, é fundamental seguir exercendo o máximo control e vixilancia, ademais de insistir na sensibilización. Así, dende a Policía Local indican que o punto de partida debera ser o principio ético da visión cero: "ninguén debería morrer nin sufrir lesións para toda a vida nas estradas".

A DGT valora especialmente a participación dos Concellos neste tipo de campañas, xa que as cidades son o escenario no que a maioría dos condutores se inicia na condución e adquire hábitos e costumes. A velocidade ten un impacto moi importante na calidade de vida das zonas urbanas, onde os vehículos poden interferir no benestar dos residentes e ter un impacto moi negativo sobre a seguridade de peóns, ciclistas e outros usuarios vulnerables.

Ademais, tamén nas zonas urbanas a velocidade é determinante, xa que a partir de 80 Km/h é practicamente imposible que un peón sobreviva a un atropelo, mentres que, a unha velocidade de 30 Km/h, o risco de morte redúcese ao 10%. Así mesmo, dende a Policía Local recordan que determinadas condutas ao volante poden incorrer en delito penal, por estar recollidas no Código Penal español, sendo unha delas a velocidade superior a 60 km/h sobre a específica das vías urbanas.

A DGT advirte que levar unha velocidade axeitada podería evitar practicamente unha cuarta parte dos mortos en accidente de tráfico. Así, no 22% dos casos de accidentes mortais en estrada apréciase a velocidade como un factor concorrente.

A velocidade ao volante ten igualmente un impacto moi importante no medio ambiente, no consumo de combustible e na calidade de vida das zonas urbanas.

Compartir: