FESTAS

A Banda Municipal e o Coro Liceo de Vilagarcía levaron a zarzuela á Quintana

19/07/2015 A primeira xornada dominical das festas do Apóstolo 2015 estivo protagonizada pola Festa do Escalo en Chaián e polo concerto especial da Banda Municipal de Música acompañada do Coro Liceo de Vilagarcía.

A Festa do Escalo de Chaián chegou á súa edición número 41, co xa tradicional Concurso de Pesca de Ciprínidos, así como unha concorrida festa gastronómica e posterior baile. Logo, xa pola noite, a Banda Municipal de Música ofreceu un concerto na praza da Quintana, no que tocou o programa Coros antolóxicos de zarzuela acompañada do Coro Liceo de Vilagarcía.

Tamén continuou este domingo a programación Artellando. Así, a Murga Chef Herrera y sus Muchachos amenizou o mediodía paseando cos seus instrumentos pola rúa Nova, a rúa do Vilar e a rúa do Franco. Xa pola tarde, Viriscrón, a compañía poético-teatro-musical integrada polo actor Ricardo de Barreiro e Guillerme Fernández, presentou na praza Salvador Parga a montaxe Sobre o desamor. Finalmente, pechou a xornada no Toural o dúo portugués Fado Violado.

Compartir: