FESTAS

Concerto de The Gospell Times na Quintana e de Fetén Fetén no Toural, na xornada do luns 20 das festas do Apóstolo 2015

19/07/2015 Os protagonistas da xornada do luns 20 das festas do Apóstolo serán The Gospell Times e Fetén Fetén, que ofrecen concertos á noitiña, na praza da Quintana e no Toural, respectivamente. Pero antes teremos moito Artellando: nos barrios (en Nemenzo, Santa Marta e O Castiñeiriño) e nos recunchos, en concreto no recanto de San Miguel (fronte ao Museo das Peregrinacións).

Poderemos ver a The Gospell Times na praza da Quintana a partir das 22.00 h e a entrada é libre, ao igual que todas as actividades destas festas. The Gospel Times é unha agrupación de profesionais de altísimo nivel que transmiten o máis refinado son do gospel. O seu repertorio está composto na súa totalidade de cancións tradicionais e ofrecen un concerto excepcional e pleno de soul. A formación está composta polas voces de Joyce Elaine Yuille, Julia Helen St.Louis, Wendell Torey Simpkins e Kenneth James Bailey. A sección rítmica dende hai vinte anos fórmana Michele Bonivento, Hammond B3, Stefano Calzolar aos teclados e Paolo Prizzon na batería.

Artellando
O grupo folc burgalés Fetén Fetén, formado por Jorge Arribas e Diego Galaz, presentará este luns 20 de xullo o seu último disco, Bailables, a partir das 23:00 horas na praza do Toural. Será dentro da programación Artellando das festas do Apóstolo prevista para este luns e que arrancará xa pola mañá e continuará pola tarde, no caso do horario diúrno, con actuacións pensadas para os máis cativos.

Así, o recoñecido pallaso Peter Punk, que vén de estar de xira por Cracovia, será o protagonista do Artellando nos barrios. Ofrecerá dous pases do seu espectáculo infantil O chungo que te cagas, ás 12:30 horas no Centro Sociocultural de Nemenzo e ás 19:00 horas no Centro Sociocultural do Castiñeiriño. Tamén dentro do Artellando nos barrios e igualmente destinado ao público infantil, Chus de Xandobela estará no Centro Sociocultural de Santa Marta a partir das 12:30 horas co seu espectáculo de contos Pan e auga? Sopas!.

O punto máis vangardista da xornada virá da man de Carlos Quintá, que ofrecerá un concerto performance dentro do Artellando nos recunchos, na praza Recantos de San Miguel, a partir das 22:30 horas, baixo o título Jean Vigo. A propósito de Niza.

Direcciones relacionadas



Compartir: