FESTAS

Xornada de Folclore Galego, Torneo da Chave e o arranque de Artellando, programa do sábado das Festas do Apóstolo

17/07/2015 Tras o pregón da compostelá Vero Boquete na noite do venres, o sábado metémonos xa de cheo nas festas do Apóstolo cun programa cargado de actividades variadas. Ás 17:00 h comeza o Torneo de Chave na Alameda e celebraremos a Xornada de Folclore Galego a partir das 21:00 h na praza da Quintana. Ademais, durante todo o día desenvólvese o programa Artellando: dende as 12:30 h da mañá teremos Artellando nos barrios; a partir das 21:30 h artellaremos nos Currunchos e pechamos a xornada ás 23.00h con Artellando no solpor da man de Alba María na Praza do Toural. Todas as actividades de balde.

Ás 17:00 h, xogarase na Alameda, no paseo da Ferradura, o XXXVII Torneo de Chave Festas do Apóstolo. A Asociación de Xogadores de Chave de Santiago, en colaboración co Departamento de Deportes, organiza esta nova edición dun torneo, convertido xa nun clásico das Festas do Apóstolo e do calendario deste xogo tradicional galego.

A Xornada de Folclore Galego xuntará a partir das 21:00 h os grupos tradicionais máis recoñecidos da cidade. Será na praza da Quintana onde poderemos cantar e bailar da man de Brincadeira, Cantigas e Agarimos, Colexiata do Sar e Ultreia, nunha actividade patrocinada polo Centro Comercial As Cancelas.

Artellando
Máis de 130 artistas galegos e de carácter internacional, música, danza, teatro, circo, monicreques, poesía…, espectáculos para público adulto e para público infantil e familiar, e en máis de 20 localizacións distintas de toda a cidade e o rural de Santiago de Compostela. Así será Artellando, As Festas en Movemento, unha programación específica dentro das Festas do Apóstolo 2015 que arrinca este sábado 18 de xullo e que se prolongará ata o xoves día 23. Coa implicación do sector cultural que reside no concello de Santiago e a través dunha rede colaborativa cos centros socioculturais e coas empresas, Artellando fará posible este ano que o Apóstolo 2015 non se celebre só no casco histórico da cidade, senón en todo o municipio, constituíndo unha das principais novidades na forma de facer as festas deste ano.

Artellando arrincará este sábado con varios espectáculos infantís de teatro e contacontos (A historia de Brancaflor, de Os Sete magníficos máis un, ás 12:30 horas na praza de Área Central, en Fontiñas; e Pan e auga? Sopas!, de Chus de Xandobela, ás 12:30 horas na Praza Marcial Villarmor Varela, en Sar).

Xa para as 13:00 horas hai programada unha Sesión Vermú. E é que, grazas a Artellando, as festas do Apóstolo 2015 recuperarán a tradición galega de amenizar os mediodías. A Magnifique Bande dos homes sen medo estará coa súa música paseando pola praza de Cervantes, praza de Abastos e praza da Peixería Vella, facendo gozar a toda a xente que pasee pola rúa ou estea nas terrazas desas zonas.

En horario de tarde, o espectáculo infantil será no parque da Trisca (ás 19:00 horas, con Burromaquia, de Inacio Vilariño).

E dentro de Artellando nos recunchos, xa á noitiña, a artista portuguesa Dulce Duca abraiará a máis dunha persoa co seu espectáculo de malabares sen mans, danza e linguaxe corporal, nunha proposta de recoñecido talento internacional e moi innovadora. Será ás 21:30 horas na praza de San Martiño Pinario.

Artellando na noite pechará a programación organizada para este sábado coa actuación musical de Alba María que, a pesar de vivir e estudar en Santiago, esta será a primeira vez na que ofreza un concerto na cidade. Alba María, de xira por toda Galicia e o exterior na actualidade, está considerada como unha das voces galegas máis novas a día de hoxe.

Despois deste sábado de arrinque, Artellando continuará coa súa programación durante todo o día e a noite polos barrios, prazas, recunchos e parques da cidade o domingo e ata o xoves 23 de xullo. A Gala de Circo CirCompostela, programada para o mércores 22 en Belvís pola noite e destinada ao público adulto e familiar; e o festival infantil Romaría Cativa, programada para o xoves 23 toda a tarde en Bonaval, serán dous dos pratos fortes desta nova maneira de facer as festas en Compostela.

Direcciones relacionadas



Compartir: