FESTAS

Verónica Boquete abriu as festas do Apóstolo mostrando o seu orgullo por levar o nome de Santiago de Compostela polo mundo

17/07/2015 Verónica Boquete foi a encargada do pregón co que se iniciaron as festas do Apóstolo. A futbolista compostelá indicou que "sensación de ledicia" por ser a pregoeira era " impagable" e agradeceu a confianza por ter sido elixida para este cometido. "Estar aquí impresiona, e claro que é pola Catedral, pero tamén por todos vós", díxolles aos presentes na praza do Obradoiro.

O pregón serviulle a Verónica Boquete para lembrar a súa infancia, "cando correteaba por estas rúas, saltaba en todos os charcos posibles coas miñas katiuskas, ía á praza de Abastos coa miña avoa, dáballe de comer aos patos da Alameda, pasaba a comprar un xeado dos carriños, pedía que me contasen unha vez máis a historia das Dúas en punto…". Todas estas lembranzas dunha "cidade con maxia", dixo, fan que "estar aquí hoxe sexa un dos mellores momentos da miña vida e, a partir de hoxe, é un título que porei orgullosa no meu currículo".

"Ser pregoeira é un privilexio, pero nacer ou vivir nesta cidade tamén o é", apuntou a deportista a propósito das súas gañas de volver sempre á casa despois das súas estadías fóra polas súas obrigas profesionais. Por iso, aos que viven fóra de Compostela encomendoulles a tarefa de "transmitir os nosos valores, costumes, rutinas, a de conservar a nosa forma de ser e de entender a vida, a de levar Santiago polo mundo con orgullo, como fixeron moitos antes e outros fan agora".

"Temos que ser conscientes de que debemos coidar Galicia, a nosa lingua, as nosas paisaxes, a nosa gastronomía, innovar e evolucionar pero mantendo a esencia, sabendo sempre de onde vimos, cal foi o camiño percorrido e saber que, como no fútbol ou no deporte en xeral, só os pobos comprometidos, solidarios e respectuosos con todos e con todo conseguen perdurar fortes", dixo a futbolista noutro momento do seu discurso.

Xa en relación ás festas do Apóstolo, animou a composteláns e visitantes a desfrutalas, xa que ela non o poderá facer, ao ter que marchar en dous días cara Múnich, o seu próximo destino profesional, a onde levará "unha maleta chea de soños e de morriña", desexando xa volver á casa polo Nadal.

Finalmente, declarouse orgullosa de "sentir o apoio incondicional, un inmenso cariño e o respecto absoluto da miña cidade, da miña xente, e iso fai que cada día teña máis ganas de representar á miña terra en calquera parte do Planeta".

Compartir: