FESTAS

Verónica Boquete presumirá de "orgullo picheleiro" para convidar os composteláns a vivir as festas do Apóstolo

17/07/2015 As festas do Apóstolo arrancan esta note co pregón dende os balcóns do Pazo de Raxoi a cargo de Verónica Boquete. A futbolista santiaguesa mantivo un contacto previo cos medios de comunicación acompañada polo alcalde, Martiño Noriega, e pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra.

Verónica Boquete agradeceu á Corporación a elección para ser pregoeira das Festas, unha oportunidade que, dixo, "supera calquera título individual ou colectivo". Indicou que non lle foi doado confeccionar un pregón no que presumirá de "orgullo picheleiro"

Para o alcalde, o pregón servirá para que a Santiago de Compostela lle mostre o seu cariño e recoñecemento a Verónica Boquete, unha persoa "solidaria e sempre aberta a colaborar" con calquera iniciativa relacionada coa súa cidade.

Verónica Boquete naceu en Compostela en 1987 e na actualidade está considerada unha das mellores xogadoras de fútbol feminino do mundo. Vén de gañar no pasado mes de maio a UEFA Champions League co FCC Frankfurt e esta mesma semana anunciouse que está nomeada, por terceiro ano, á Mellor Xogadora de Europa 2014/2015. Vive o seu mellor momento profesional e recolle homenaxes fóra e tamén dentro da súa terra, xa que hai uns días recibía a Medalla Castelao da Xunta de Galicia.

Boquete foi campioa europea coa selección española sub-19 en 2004 e gañou varias Copas da Reina e subcampionatos da Superliga co RCD Espanyol do 2009 ao 2011. Despois estivo nos Estados Unidos, onde se proclamou campioa USL W-League no 2010 con Buffalo Flash e subcampioa WPS co Philadelphia Independence no 2011. No 2013, e xa no Tyresö FF acadou o subcampionato da Copa Sueca e o campionato da Liga Sueca. No 2013 coa Selección española chegou aos cuartos de final da UEFA e no 2014 quedou subcampioa da mesma competición co Tyressö. Por fin, como diciamos, foi neste 2015 no que conseguiu chegar a campioa da UEFA Champions League xa nas filas do Frankfurt.

A nivel persoal son moitos tamén os premios acadados. No 2010 e 2011 foi a máxima goleadora da Superliga e os mesmos anos levou o premio a Mellor xogadora (MPV) dos campionatos nos que participaron os seus equipos. No 2012 foi nomeada Mellor Mediocentro en Suecia e Mellor Deportista Galega. No 2013 os premios foron Mellor deportista compostelá e UEFA Team Euro-2014 e no 2014 estivo nomeada a Balón de Ouro. Ademais, estivo nomeada nos últimos tres anos a mellor xogadora de Europa.

John Nemeth e Fundación Tony Manero
Tras o pregón, ás 23:00 h, teremos concerto na propia praza do Obradoiro con Jonh Nemeth & The Blue Dreamers e a Fundación Tony Manero. Recentemente galardoado como Mellor Artista de Soul Blues nos Blues Music Awards, John Németh protagoniza este primeiro concerto das Festas do Apóstolo 2015, no que tamén a Fundación Toni Manero presentará o seu novo disco, Superficial.

Compartir: