XUNTA DE GOBERNO

Adxudicadas as reparacións en 23 parques infantís para adaptalos á normativa vixente

17/07/2015 A Xunta de Goberno adxudicou o servizo de reparación de parques infantís para obter a certificación do cumprimento da normativa vixente, por un importe de 37.490 euros máis IVE.

As obras afectarán a 23 parques e van dirixidas, entre outras melloras, á reparación de pavimentos, colocación de céspede artificial para nivelado do parque, instalación de valos metálicos ou de madeira e postes, substitución de diversos elementos de xogo ou labores de limpeza xeral.

Melloras na EDAR da Silvouta
En materia de Medio Ambiente, acordouse solicitar á Sociedade Estatal ACUAES, de acordo ao informe realizado por Viaqua, a incorporación dunha serie de melloras no proxecto de execución das obras de adecuación do vertido da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da Silvouta. Estes cambios, que non implican custo para o Concello, teñen por obxecto mellorar a integración operativa da planta. Afectan aos bombeos de reboses, á conexión de lamas primarias a espesador futuro e á conexión de lamas mixtos a deshidratación futura.

Programas de inclusión
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a solicitude dunha subvención de 116.878 euros á Consellería de Traballo e Benestar para programas de inclusión social da poboación xitana, inmigrante e doutras persoas en risco de exclusión. Demándanse achegas para os seguintes programas:

- Programa dirixido á inclusión social da comunidade xitana, 34.581 euros.
- Programa dirixido á inclusión social da poboación inmigrante, 44.587 euros.
- Programa dirixido á inclusión social das persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), 37.710 euros.

Tamén na área de Políticas Sociais, autorizouse a cesión en precario á entidade Aspas de dous pisos na rúa Roma, en Fontiñas, para o desenvolvemento de actividades para a promoción das persoas con discapacidade intelectual. A cesión faise por un ano prorrogable, ata un máximo de catro anos. Este recurso é utilizado para a promoción dunha vida independente e estable dos beneficiarios, no marco des tres programas: Programa de Adultos Solos e Vida Independente, Programa de Respiro Familiar e/ou Emerxencia, e Programa de Adestramento en Vida no Fogar e en Comunidade.

Programa local de apoio ao emprego
A proposta da concelleira delegada de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, aceptouse unha subvención da Cámara de Comercio de España para a posta en marcha do Programa Local de Apoio ao Emprego, cofinanciado polo Fondo Social Europeo. A achega é de 110.463,20 euros, aos que o Concello sumará 27.615,80 euros, para un total de 138.079 euros. A subvención destínase á Feira de Emprego, a un curso de enerxías Renovables e a incentivos á contratación.

Ampliación de horarios
A Xunta de Goberno informou favorablemente a ampliación nunha hora do horario de peche solicitada pola Asociación Provincial de Empresarios de Restauración e Hospedaxe de Santiago de Compostela. O horario estendido aplicaríase nos seguintes períodos:

- Festas do Apóstolo, dende o 18 de xullo ao 2 de agosto.
- Festas de San Roque e Santa María, do 12 ao 17 de agosto.

Patrocinio das Festas
Seguindo coas festas do Apóstolo, aprobáronse os textos dos convenios de patrocinio con cinco entidades comerciais que colaboran nas festas do Apóstolo 2015:

- El Corte Inglés, patrocinador do Día do Traxe: 6.000 euros + IVE.
- CC As Cancelas, patrocinador da Xornada de Folclore: 4.500 euros + IVE.
- Hijos de Rivera, patrocinador do concerto do día 30, 16.000 euros + IVE.
- Gadisa, patrocinador xeral: 6.000 euros + IVE.
- Coca Cola Iberian Partners, patrocinador xeral: 6.500 euros + IVE.

Documentos relacionados



Compartir: