ALCALDÍA

Apoio do Foro Cívico Empresarial á demanda dunha verdadeira estación intermodal

17/07/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega e varios concelleiros do Goberno local reuníronse en Raxoi co Foro Cívico Empresarial. Na xuntanza, abordouse a posición das institucións representadas sobre a intermodal.

Segundo explicou Noriega, o Foro manifestou o "apoio explícito" á demanda dunha estación intermodal para Santiago de Compostela. Esta reivindicación será a que tamén plantexará o alcalde na reunión do vindeiro luns con responsables do Ministerio de Fomento, xa que considera que, tal como está formulada tecnicamente a ampliación proxectada, non se garante que sexa posible esta estación intermodal.

O Goberno municipal quere garantías de que Santiago de Compostela poida contar cunha verdadeira estación intermodal, dentro da filosofía do proxecto de Herreros, que resolva a mobilidade no ámbito e acorde co número de pasaxeiros, o maior de toda Galicia. Sen renunciar ao investimento previsto -indicou Noriega- a aposta pasa porque este poida ser unha primeira fase cara a futura intermodal e non unha ampliación que impida a construción da mesma.

Forman o Foro Cívico Empresarial: Cámara de Comercio de Santiago, Universidade de Santiago de Compostela, Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago y Comarca, Fundación Santiago Centro, Real Sociedade Económica de Amigos del País, Fundación Ruta Xacobea de Mar de Arousa e Ulla, Colexio de Avogados de Santiago, Colexio de Economistas, Colexio de Arquitectos de Galicia, Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais, Colexio de Enxeñeiros Industriais, Colexio de Procuradores, Asociación do Polígono do Tambre, Rotary Club, Asociación de Antigos Alumnos da USC, Asociación de Periodistas de Santiago, Compostela Solidaria e Vicus Francorum.

Compartir: