ALCALDÍA

Martiño Noriega comprométese a darlles voz aos nenos e nenas de Compostela

15/07/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, recibiu os nenos e nenas que están a participar no programa "Mañás de verán e de xogo" no Centro Sociocultural de Conxo. No salón de plenos, o rexedor foi o convidado a un programa televisivo no que os rapaces lle realizaron diversas preguntas.

Os rapaces e rapazas do CSC de Conxo están a desenvolver uns obradoiros con temáticas relacionadas cos medios de comunicación. Neste caso realizaron un programa a modo de "Teño unha pregunta para vostede", no que o alcalde respondeu a preguntas relacionadas coa cidade e con cuestión que lles afectan directamente aos máis novos.

A primeira das preguntas foi sobre a creación dun consello consultivo de nenos e nenas. Martiño Noriega mostrouse favorable a esta proposta, moi na liña das propostas do Goberno municipal en Educación e Cidadanía. Así, expresoulles aos rapaces e rapazas a vontade de escoitalos tamén a eles á hora de tomar decisións.

O alcalde escoitou propostas diversas relativas a temas como a revitalización da zona vella, á ausencia de carrís bici, á demanda de máis prazas nos campamentos de verán, a puntualidade dos autobuses, os dereitos dos animais, as obras do paso inferior de Conxo ou as actividades culturais para nenos e nenas. Non faltaron tampouco cuestións máis curiosas, como a dun rapaz que preguntou a Noriega sobre o prezo dunha piruleta.

Compartir: