ESPAZOS CIDADÁNS

O concelleiro de Espazos Cidadáns informará mañá aos veciños de Vista Alegre dos cambios introducidos nas obras de mellora da mobilidade e da accesibilidade do barrio

14/07/2015 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, manterá mañá mércores unha xuntanza coa Asociación de Veciños Álvaro Cunqueiro, de Vista Alegre. A cita terá lugar no seu local social ás 20:00 horas.

Nesta reunión, Jorge Duarte presentaralles aos veciños e veciñas o proxecto que recolle as propostas presentadas polos eles mesmos en relación ás obras de mellora da mobilidade e da accesibilidade que se están realizando neste barrio de Vista Alegre. Así, a veciñanza tiña solicitado melloras como o rebaixe das cotas da calzada na rúa Santa Comba, mellorando así a accesibilidade e visibilidade dos baixos.

Esta modificación e outras como a redución das escaleiras nalgún punto foron recollidas nun proxecto complementario. Mentres se redactou o mesmo, as obras foron temporalmente paralizadas.

Cómpre lembrar que as obras de mellora da accesibilidade e da mobilidade de Vista Alegre contan cunha parte financiada con fondos do Urbana Santiago Norte, que debe estar executada a 31 de decembro de 2015. Trátase das fases 1 e 2. Outra parte das obras ten financiamento municipal.

Quedaba por contratar a fase que afectaba aos vieiros, respecto a cal os veciños solicitaran as modificacións agora incluídas e que se lles presentarán na xuntanza de mañá mércores.

Liña de alumeado temporal
Ao respecto da ausencia de iluminación na zona de obras, o concelleiro púxose en contacto do presidente da Asociación para explicarlle a situación e pedir desculpas aos veciños polas molestias sufridas. Onte luns iniciáronse os trámites para instalar a liña eléctrica temporal, que e empresa construtora debería ter colocado desde que se iniciaron as obras ata o final da mesma, asegurando así a iluminación da zona afectada polos traballos.

Compartir: