ACCIÓN CULTURAL

Fuoco e Cenere clausuran o Via Stellae 2015

14/07/2015 A 10ª edición do Via Stellae chega este mércores ao seu fin cun concerto de Fuoco e Cenere ás 20:30 horas no Teatro Principal. Organizado e promovido polo Concello de Santiago e pola Xunta de Galicia, o Festival Via Stellae encheu de música Compostela, o seu casco histórico, durante máis de dúas semanas. Un total de 19 concertos dende o 29 de xuño que chegan ao seu fin con este concerto de Fuoco e Cenere.

Os actos heroicos de Judith e Esther (hai máis de 2.500 anos) inspiraron a grandes artistas durante séculos. Os seus rastros pódense seguir na pintura, no teatro e na música. Tras anos de fastos, ao final do reinado de Luís XIV, estas historias do Antigo Testamento cargadas de espiritualidade, desobediencia e devoción, símbolos do triunfo do débil sobre o forte, encontraron un caldo de cultivo favorable para a inspiración dramática de compositores como Sébastien de Brossard, Jean-Baptiste Moreau ou Elisabeth Jacquet de la Guerre.

Fuoco e Cenere, ensemble liderado por un creativo e imaxinativo Jay Bernfeld, pecha a décima edición do Festival Via Stellae conectando música de onte, iconografía de hoxe (creada en directo polo ilustrador Fred Bayle) e historias eternas de loita contra a opresión coa súa innovadora presentación das heroínas Judith e Esther no programa Judith e Esther... destinos divinos. Retratos en música e pincel.

Dende hai 15 anos, Fuoco E Cenere, ensemble de instrumentos antigos, quere encher o teatro de sensacionais aventuras musicais e non deixa de cultivar a audacia nas súas eleccións de repertorio, sempre preocupados en ofrecer unha experiencia única ao espectador. Así, recentemente, buscou a maridaxe entre música e marionetas, entre música e alta cociña...

Ser narradores de historias, traspasar as fronteiras da emoción, tanto instrumental como vocalmente. Tales son os obxectivos de Fuoco E Cenere, laboratorio musical que transcende a forma orixinal das obras para transformalas e presentalas a través do seu propio filtro, achegando unha luz orixinal sobre o repertorio.

Catalizado polo amor ao canto do seu director, Jay Bernfeld, Fuoco e Cenere ten o pracer de colaborar con algunhas coas máis belas voces de hoxe e mañá. As súas nove gravacións abranguen mil de anos de música. A primeira, Fantasy en Blue. Purcell meets Gershwin, foi denominada por Le Monde como un "verdadeiro knock-out". O seu disco de Le Dafne, obra mestra de Marco de Gagliano desgraciadamente pouco coñecida, recibiu un Orphée de Oro de L'Academie du Disque Lyrique e foi aclamado por unanimidade pola crítica internacional.

Este concerto ten un prezo de 6 euros e as entradas poden mercarse en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou no despacho de billetes do Teatro Principal, que abre dende as 18:00 horas.

Direcciones relacionadas



Compartir: