ACCIÓN CULTURAL

Alba María no arrinque do Artellando

14/07/2015 A cantante compostelá Alba María protagonizará o concerto nocturno de arrinque da programación Artellando, enmarcada dentro das Festas do Apóstolo 2015. Será este sábado 18 de xullo, ás 23:00 horas, na praza do Toural.

Alba María gañou en 2014, con só 19 anos, o I Certame de Música de Autora en Galego do Concello de Teo. O premio foi a gravación do seu primeiro disco, Aínda, cunhas letras e unhas melodías que sorprenden e seducen a quen as escoita. Compositora, regueifeira, cantora, performer... o disco, editado por aCentral Folque, presentouse a finais de 2014 e, dende entón, Alba María está de xira dentro e fóra de Galicia.

Para os concertos ao vivo, Alba María conta cunha banda de excepción: ademais da súa voz, acompáñana no palco o veterano músico de jazz Felipe Villar (á guitarra), o compositor e arranxista cubano, produtor musical do disco, José Manuel Díaz (ao contrabaixo) e Chus Pazos (á batería). Un cuarteto de luxo que ofrece un directo contundente coa saiba máis nova da música galega actual.

De Alba María di Ugia Pedreira (cantante de Marful): "Fiandeira fina, paixonal, exuberante, audaz, sutil, comprometida sen evidencias e con prodixioso talento natural para facer coplas e cancións, preséntase na música do país consciente de que a súa arte se dirixe á aceptación propia como primoxénito inicio. Ao meu entender, non hai maior nivel de honestidade na incursión artística".

Máis de 130 artistas
Entre o 18 e o 23 de xullo, máis de 130 artistas participarán na programación de Artellando, con espectáculos en máis de 20 puntos da cidade e do rural da capital galega, co obxectivo de celebrar unhas festas do Apóstolo o máis descentralizadas posible, así como participativas e abertas a toda a cidadanía. Artellando incluirá programación para público infantil, familiar e adulto, con espectáculos musicais, danza, teatro, circo, etc.

Direcciones relacionadas



Compartir: