ALCALDÍA

Alcalde e deán constatan o crecente fenómeno da peregrinación a Compostela

14/07/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, reuniuse co deán da Catedral, Segundo Pérez. Na xuntanza, cualificada como "cordial" por ambos, abordáronse cuestións como a acollida de peregrinos ou as obras da Catedral.

Noriega puido coñecer de primeira man indicadores pormenorizados sobre a chegada de peregrinos, xa que o deán achegoulle datos de procedencia, motivación, etc. Neste sentido, falaron do "aumento significativo" da chegada de peregrinos, o que lle permitiu ao alcalde constatar que se trata dun "fenómeno en alza". O rexedor tamén recibiu o convite a visitar as obras da Catedral, sobre as cales xa conversara hai uns días co arcebispo Julián Barrio.

Pola súa parte e a preguntas dos xornalistas sobre a presenza ou non do alcalde en actos relixiosos, Segundo Pérez mostrouse "sumamente respectuoso coas opcións de cada un". "Non ten maior importancia que o alcalde vaia ou deixe de ir a unha misa, o que importa é que exista unha relación institucional cordial", indicou ao respecto.

Compartir: