ACCIÓN CULTURAL

Al Ayre Español estrea a súa versión das "Trio sonatas, opus 2" de Haendel no Via Stellae

13/07/2015 O Festival Via Stellae chega ao seu último tramo tras varios días ofrecendo propostas musicais variadas en espazos singulares da cidade. Na xornada do martes 14 de xullo poderemos escoitar a Al Ayre Español, dirixidos por Eduardo López Banzo, a partir das 20:30 horas no Salón Teatro. Estrearán a súa versión integral das Trio sonatas, opus 2 de Georg Friedrich Haendel nun concerto que leva por título Xenio, delicadeza, inventiva… Haendel. Integral das sonatas opus 2.

En torno a 1730, John Walsh publicou en Londres a primeira colección impresa de sonatas en trío de Georg Friedrich Haendel, o seu opus 2. A maioría das obras foran escritas con toda probabilidade en torno a 1717, durante a estanza de Haendel en Canons ao servizo do duque de Chandos.

A relación de Haendel coa trío sonata remóntase á súa xuventude. Segundo unha nota de Charles Jennens, amigo do compositor, unha das seis sonatas do opus 2 foi composta por Haendel á idade de 14 anos, o que demostraría o seu temperán contacto con este xénero. Durante a súa estanza en Roma, Haendel participou nas reunións musicais do cardeal Pietro Ottoboni e do príncipe Francesco Ruspoli e coñeceu persoalmente a Arcangelo Corelli, compositor que estableceu as características definitorias da sonata da chiesa. Non é estraño, polo tanto, que as seis trío sonatas do opus 2 haendeliano (editadas en 1733 pero compostas a principios da década de 1720) sigan de xeito estrito a estrutura en catro movementos das sonatas corellianas (lento-rápido-lento-rápido).

Eduardo López Banzo leva moito tempo escudriñando nas interioridades da obra de Haendel, nunha incesante busca dos elos menos coñecidos da obra do compositor saxón. Entre os últimos fitos desta aventura están a publicación dun compacto esta primavera coa integral das sonatas opus 5, que se puideron escoitar en Santiago de Compostela hai un ano, e a recente interpretación en Zaragoza, por primeira vez en España, de tres das súas magníficas antífonas de Chandos.

Era obrigado acudir neste momento ás sonatas opus 2, algunhas delas contemporáneas desas antífonas. Santiago de Compostela vai ser nesta ocasión o escenario privilexiado da estrea desta nova versión que, como é costume en Eduardo López Banzo, combinará un traballo de investigación rigoroso e profundo cun despregamento de excelencia, imaxinación e fantasía na súa interpretación.

Al Ayre Español
Al Ayre Español fundado en 1988 co propósito de recuperar e poñer en valor a música barroca española e facer fronte aos tópicos que por aquel entón a rodeaban. Dende entón, o inxente labor de recuperación deste patrimonio, que levou a cabo Eduardo López Banzo, e as súas coloristas interpretacións, que xuntan rigor e excelencia, foron internacionalmente recoñecidas e o Goberno de España referendouno concedendo ao conxunto o Premio Nacional de Música no ano 2004.

Non terse conformado con chegar á excelencia dun ensemble especializado en música antiga, senón ter feito unha filosofía musical "al ayre español" permitiu que o proxecto sexa flexible e se adaptase á perfección a diferentes formatos, tales como a orquestra barroca, recoñecida internacionalmente polas súas interpretacións de Haendel e Bach, e ultimamente como orquestra clásico-romántica que abordou, tanto en concerto comao nos escenarios de ópera, obras de Boccherini, Haydn e Mozart.

O prezo do concerto é de 6 euros (está enmarcado dentro do abono do festival). As entradas poden mercarse no 902 434 443, en entradas.abanca.com ou na billeteira do Teatro Principal, que abre de 18:00 a 21:00 horas.

Compartir: