PLENO

O Pleno aproba por unanimidade o réxime de dedicacións, persoal eventual e representación en organismos e comisións

13/07/2015 O Pleno, en sesión extraordinaria, aprobou por unanimidade o réxime de dedicacións exclusivas e persoal eventual, que en palabras do alcalde, Martiño Noriega, suporá ao final da lexislatura un aforro de preto de 1,5 millóns de euros. Tamén se deu o visto bo á representación nos diferentes organismos e nas comisións informativas.

Segundo explicou o alcalde, esta acordo en materia de organización entre os catro grupos municipais atense ao principio de "proporcionalidade" no labor de goberno e oposición", é "leal" aos criterios utilizados en anteriores lexislaturas e supón un "aforro significativo" para as arcas municipais, que cifrou en 1,5 millóns de euros ao final dos catro anos de lexislatura.

Os seis puntos da orde do día foron debatidos e votados de forma conxunta por acordo dos catro grupos municipais. Respecto á proposta que chegou ao Pleno, Noriega indicou que se admitiron tamén as últimas emendas formuladas pola oposición, relativas a cuestións coma un axuste en categorías e niveis no persoal eventual ou un reparto máis equitativo no Consello de Administración do Auditorio de Galicia.

Deste xeito, aprobáronse por unanimidade os seis puntos da orde do día: réxime de indemnizacións e dedicacións exclusiva; fixación do número, retribucións e características do persoal eventual; nomeamento de representantes en organismos supramunicipais, organismos autónomos, fundacións, empresas públicas, sociedades mixtas e consellos sectoriais de actuación municipal; fixación da presidencia das comisión informativas; designación de representantes no Consorcio e nos consellos da Capitalidade, Económico e Social e sectoriais; e composición da comisión asesora do Casco Histórico.

Compartir: