ALCALDÍA

Noriega afirma a vontade de manter unha "interlocución estable e operativa" coa USC

01/07/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, mantiveron unha xuntanza en Raxoi. Neste primeiro contacto repasaron algúns dos temas comúns que afectan á cidade e á institución, abrindo así unha etapa de "interlocución estable e operativa", en palabras do rexedor municipal.

Na reunión abordáronse cuestións como o futuro Campus da Saúde, que aglutinará as facultades de Medicina, Odontoloxía e Enfermería. Noriega expresou a "vontade facilitadora" do Concello a un proxecto "ambicioso e complexo", que supón "unha aposta pola especialización e por un eixe de forza da USC". Neste sentido, apuntou a necesidade de "reactivar" a mesa a tres bandas entre Concello, Sergas e USC para avanzar na concreción destes equipamentos.

Ademais, falouse do convenio que mantén a USC co Concello en relación ao Campus Vida. O rexedor compostelán apuntou que se vai estudar o contido do acordo, coa intención de "ir cumprindo" o mesmo, xa que afirmou ter constatado incumprimentos por parte do Concello en materias como o mantemento da rede viaria ou exencións fiscais.

Tampouco faltaron na conversa as referencias ao financiamento universitario. Sobre as negociacións ao respecto, Martiño Noriega demandou para a USC "un financiamento que permita unha viabilidade digna e acorde co peso específico e coa traxectoria da Universidade".

O alcalde tamén escoitou as propostas do reitor en materias como a divulgación científica, a colaboración na recepción de estudantes estranxeiros ou o proxecto universitario do Campus da Cidadanía.

Juan Viaño agradeceu a "dispoñibilidade" de Martiño Noriega, coa que "nace unha nova etapa de colaboración". Así o reiterou tamén o alcalde, quen defendeu o carácter "estratéxico" da USC para a cidade e o "valor engadido" que lle achega á mesma.

Compartir: