ALCALDÍA

Protección Civil de Santiago conta cun novo vehículo para o rescate de feridos

10/06/2015 O alcalde de Santiago en funcións, Agustín Hernández, presidiu o acto de entrega á agrupación de Protección Civil de Santiago dun quad que será empregado fundamentalmente para labores de rescate en zonas illadas e de montaña.

Trátase dun quad Polaris 570 destinado ao rescate de accidentados en lugares de difícil acceso, preparado así mesmo para o traslado de feridos, pois conta cunha padiola na parte traseira. Será un vehículo moi útil en espazos como montes, pistas forestais ou tramos do Camiño de Santiago.

Segundo indicou Agustín Hernández, Protección Civil de Santiago será a primeira agrupación de Galicia en contar cun vehículo destas características, que tamén se empregará nos restantes labores que desempeñan os voluntarios, tales como atención en probas deportivas, acompañamento de peregrinos, de cabalos, etc. Ademais, valorou que o procedemento para o subministro deste vehículo –no que o Concello investiu 15.000 euros- fora gañado por un concesionario da cidade.

Protección Civil de Santiago conta actualmente con corenta voluntarios e cun equipamento integrado por unha pick up, un patrol, unha furgoneta, un utilitario e un remolque, entre comprados e doados por outras institucións, aos que se suma este novo vehículo, mercado polo Concello.

O alcalde en funcións aproveitou a entrega deste vehículo para agradecer "o traballo e a dedicación" dos voluntarios de Protección Civil de Santiago, así como o labor da súa responsable, Begoña del Río, e do seu coordinador, Miguel Seoane.

Compartir: