URBANISMO

Visita á parcela cedida polo Concello onde se construirá o centro de saúde de Galeras

01/10/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, e a xerente do Servizo Galego de Saúde, María Nieves Domínguez, visitaron os terreos onde se construirá o centro de saúde de Galeras. A construción desta nova instalación, que conta cun investimento de máis de 3,3 millóns de euros, está cofinanciada con fondos europeos.

O centro de saúde, que contará cunha superficie construída de ao redor de 3.484 metros cadrados, situarase nunha parcela de 1.796 metros cadrados cedida gratuitamente polo Concello.

Na visita tamén participaron técnicos do colectivo de profesionais que encabeza Joaquín López, coordinador responsable do equipo que leva a cabo a revisión do proxecto de execución do centro de saúde, introducindo, entre outras melloras, elementos de eficiencia enerxética coa fin de dotalo dos máximos estándares de calidade e sustentabilidade ambiental.

Así mesmo, a concelleira e a xerente do Sergas estiveron acompañadas polo xerente de Xestión Integrada de Santiago, Luis Verde; pola delegada territorial da Coruña, Belén do Campo; e pola subdirectora xeral de Investimentos do Sergas, Belén Currás.

Plan funcional
Ademais das consultas de medicina xeral e pediatría recollidos no programa funcional, o centro contará con matronas, farmacia, odontoloxía, fisioterapia e salas polivalentes. Na área de administración disporase de arquivo, almacéns e outros servizos comúns.

Compartir: