Procedemento de aprobación do Planeamento de desenvolvemento

Descrición

A formulación do planeamento de desenvolvemento pode facerse polo Concello, por outros órganos competentes en materia urbanística e por particulares lexitimados para facelo.

Os plans parciais e especiais de iniciativa particular deberán conter as seguintes determinacións:
  • Determinar a obriga de conservación da urbanización, expresando se correrá por conta do municipio, dos futuros propietarios das parcelas ou dos promotores da urbanización.
  • Prestar as garantías do exacto cumprimento dos deberes de execución do plan, por importe do 20% do custo estimado para a implantación dos servizos e a execución das oras de urbanización e de conexión cos sistemas xerais existentes, así como, se é o caso, as obras de ampliación e reforzo necesarias.
  • Estas garantías poderán constituírse mediante calquera dos mecanismos previstos na lexislación de contratos das administracións públicas, deberán prestarse no prazo máximo de tres meses desde a aprobación definitiva do proxecto de urbanización e hanse cancelar por pedimento dos interesados, unha vez recibida a urbanización.
  • Acreditar a aceptación polos propietarios que representen máis do 50% da superficie do ámbito de planeamento.
O procedemento de aprobación dos plans de sectorización, plans parciais e plans especiais (excepto os plans especiais de protección, rehabilitación e mellora do medio rural) é o seguinte:
  • Informe dos servizos técnicos municipais e empresas subministradoras sobre a suficiencia das infraestruturas e servizos existentes e previstos, antes de iniciar a tramitación do plan.
  • A aprobación inicial é competencia da Xunta de Goberno local.
  • Información pública durante o prazo mínimo dun mes e máximo de dous meses, mediante anuncios que se inserirán no Diario Oficial de Galicia e en dous xornais de maior circulación na provincia.
  • Petición de informes sectoriais (un mes)
  • Petición de informe á Consellaría competente en materia de Medio ambiente no caso de plans parciais, plans de sectorización e plans especiais que afecten a terreos clasificados como solo rústico (un mes)
  • Notificación individualizada do trámite de información pública a todos os propietarios dos terreos afectados que figuren no Catastro.
Cando se trate dun plan parcial ou dun plan especial previsto no Pxom, a aprobación definitiva corresponderalle ao Pleno do Concello, sen necesidade de intervención por parte da Comunidade Autónoma, con excepción dos plans parciais que deberán obter informe da Dirección Xeral de Urbanismo, xa que o planeamento xeral non está adaptado á Lei 1/97 do 24 de marzo do solo de Galicia.

Cando se trate de plans de sectorización ou plans especiais, non previstos non PXOM, é necesario: (logo da aprobación inicial e trámite de información pública)
  • Aprobación provisional do plan; competencia da Xunta de Goberno local
  • Solicitar informe preceptivo da Comunidade autónoma. O informe debe ser emitido no prazo de 3 meses, dende a entrada do expediente completo no rexistro da Consellaría competente.
  • Emitido o informe autonómico ou transcorrido o prazo, a aprobación definitiva do plan correspóndelle ao Pleno da Corporación;
Cando se trate de estudos de detalle, o procedemento de aprobación será o seguinte:
  • Aprobación inicial por órgano municipal competente: Xunta de Goberno Local.
  • Información pública polo prazo de 20 días, mediante a inserción de anuncios no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior circulación na provincia.
  • Petición de informes sectoriais que correspondan.
  • Aprobación definitiva polo Pleno da Corporación.

Prazos para a aprobación dos plans de desenvolvemento formulados por iniciativa particular

Para resolver sobre aprobación inicial:
  • Tres meses dende a súa presentación no Rexistro Xeral
  • Transcorrido este prazo sen resolución expresa, entenderase outorgada a aprobación inicial do plan.
Para resolver sobre aprobación definitiva:
  • Seis meses contados dende o acordo de aprobación inicial.
  • Tres meses para os estudos de detalle, contados dende o acordo de aprobación inicial.
  • Transcorrido este prazo sen que se tivera notificado a resolución, entenderase aprobado definitivamente, sempre que se cumpran os seguintes requirimentos:
    • Que se tivese realizado o trámite de información pública.
    • Que se obtivesen os informes preceptivos en sentido favorable ou rematase o prazo para a súa emisión.

Tramítase en

Servizos urbanísticos: Planeamento urbanístico
Enderezo: Praza do Obradoiro, 1-2º andar
Tel.: 981 542 426
Fax: 981 542 427
Correo: Contactar co Concello
Horario: O persoal técnico atende ao público previa cita (teléfono: 981 542 420).


Compartir: