FESTAS

Os Fogos do Apóstolo recuperan a queima da fachada gótica virtual

18/07/2012 Os Fogos do Apóstolo recuperan este ano a queima da fachada gótica virtual e introducen a figura do actor galego Samuel Blanco no papel de Paio, descubridor da tumba, que será o encargado de narrar a historia a través do personaxe proxectado sobre a Catedral, segundo explicou Javier Sánchez, directivo da empresa, quen engadiu que é a primeira vez que se incorpora unha voz que se dirixe ao público. Así, este falará do sacrificio, penitencia e perdón para explicar a dureza do Camiño. O concelleiro Francisco Noya, fixo fincapé no esforzo que o Concello fixo este ano para ter uns fogos de altura e gran calidade.

O espectáculo volverá a incorporar as últimas tecnoloxías de realidade virtual aplicada á proxección sobre monumentos. Esta é precisamente a razón pola que a queima da fachada será virtual. Tamén se incorporarán sorpresas na última parte, nunha produción audiovisual feita expresamente para este ano, e que integra máis que a edición pasada a pirotecnia no espectáculo.

A empresa General de Producciones y Diseño (GPD) é encarga dos espectáculos do 24 e do 31 de xullo, e repite por segundo ano como responsable do espectáculo, que en 2011 foi valorado moi positivamente polo público en virtude da súa calidade e orixinalidade.

Canto a temática, o espectáculo tratará no seu desenvolvemento, previsto aproximadamente para trinta minutos, Santiago como cidade Santa comparándoa con Roma e Jerusalén "nun guiño ás tres metas de peregrinación", indicou Javier Sánchez, quen subliñou que tamén "farán desaparecer, virtualmente, a Catedral".

A montaxe do espectáculo iníciase hoxe, e a partir de mañá comezaranse a programar os proxectores. Está previsto que o luns haxa unha proxección completa.

Os Fogos do Apóstolo do 24 e do 31 de xullo terán un custo de 250.000 euros. O orzamento é menor que en 2011 debido a que este ano non se repetirá o espectáculo durante varios días, tal como sucedera, excepcionalmente, o pasado ano, con motivo do 800 aniversario da Catedral, e o 2010, Ano Xacobeo. O concelleiro de Festas, Francisco Noya, salientou o importante esforzo que está a facer o Concello este ano xa que, a diferencia doutras ocasións nas que o Consorcio achegou a contía completa do espectáculo, neste caso o ente interadministrativo colabora con 211.000 euros, correspóndendolle o resto ao Concello.

REBAIXA DO PREZO DO CONCERTO DE CALLE 13
O concelleiro de Festas sinalou que o prezo para o concerto de Calle 13 rebaixouse arredor dun 20%, polo que pasará a custar 21,35 euros no canto dos 25 iniciais.

Documentos relacionados



Compartir: