FESTAS

A compañía de danza Aída Gómez amosa toda a paixón de "Carmen" na Quintana

21/07/2010 Para a xornada do xoves 22, as festas do Apóstolo reservan o espectáculo Carmen, de Bizet, da Compañía de Danza Española Aída Gómez. Será a partir das 22:30 horas na praza da Quintana.

A programación desta xornada do xoves inclúe um concerto da Banda Municipal de Música, ás 19:30 horas, na rúa do Vilar. Intrepretarán cinco pezas musicais: Taragoña, Lakmé, A lenda do bico, O príncipe Igor e Brincadeira. De seguido, a Alameda volverá encherse por última vez de ritmos e bailes latinos na carpa Espírito Latino, nesta ocasión cunha exhibición de capoeira do grupo Nagó.

E xa ás 22:30 horas, a compañía Aída Gómez representa Carmen. Esta coreografía está baseada na novela de Prosper Merimée, obra que alzou á fama ao compositor Georges Bizet.

A acción desenvólvese en Sevilla a finais do século XIX. Carmen, a cigarreira da Real Fábrica de Tabacos, é a protagonista dunha historia de amor e desamor na que son partícipes Don José, cabo do Rexemento de Dragóns, e o afamado toureiro Escamillo. A cigarreira seduce ao oficial para conseguir a súa liberación despois dunha lea, para máis tarde namorarse do matador, situación que conduce a Don José a tomar unha decisión tráxica.

Documentos relacionados



Compartir: