FESTAS

Loreena McKennitt presenta o seu último espectáculo en Compostela

29/07/2008 Despois de nove anos e máis de 13 millóns de discos vendidos en todo o mundo, a canadiense Loreena McKennitt ofrecerá o mércores 30 na Quintana, ás 22:30 horas, un repertorio dos seus mellores temas e presentará o seu último traballo, An ancient muse, no que mestura sonidos celtas, melodías escocesas e baladas irlandesas con música tradicional grega, turca, española e escandinava.

A súa música, considerada para algúns como fusión celta, new age para outros e música do mundo para a maioría, cautivará aos asistentes, que poderán gozar da maxia que inunda a súa voz e o seu espectáculo.

Con An ancient muse, Loreena McKennitt somérxese por sendeiros do este do territorio celta, dende Mongolia ata o reino do Rei Midas e o Imperio Bizantino, reflexionando sobre os conceptos do fogar, a propia viaxe en todas as súas variedades, a mestura cultural e os patrimonios universais.

A maxia que transmiten os seus discos só é superable por un directo onde ao seu aspecto místico e fráxil se lle une unha elegante posta en escena acompañada por nove músicos.

Ademais desta cita, no Toural terá lugar a actuación do grupo Ultreia, que presentará temas que se engloban entre o rock duro e o folk, con certos aire celtas. Será ás 23:00 horas.

Fin de festa cos fogos e coa novidade de "Ata o Amanecer"
O xoves 31 de xullo será o momento de despedir por todo o alto estes 14 días de festas. Os fogos dende a escalinata do Campus Universitario serán os encargados de poñer o broche de ouro. Tras os fogos, terá lugar a principal novidade deste ano, "Ata o Amanecer": oito concertos en oito escenarios diferentes da cidade que se prolongarán ata altas horas da madrugada.

Así, poderase gozar de boa música en Cervantes, na Quintana, en San Paio de Antealtealtares, en Mazarelos, na Alameda, no Toural, no Campus Sur e na Praza Roxa. Os espectáculos que terán lugar son os seguintes:

- Cervantes. 22:00 horas.- Finalistas do Certame Música Xove: Loba Loo e GS21

- Quintana. 24:00 horas.- Smoking Stones. Tributo a Rolling Stones

- San Paio de Antealtares.- Son Tres e Quique Azambuya Trío

- Mazarelos. 01:00 horas.- Finalistas Certame Música Xove. Thinking Twice, Codename e Brétema

- Alameda. A partir das 01:30 horas.- Orquestra Olympus

- Toural. 01:00 horas.- No Reply

- Campus Universitario. 23:30 horas.- Santa Fe, Guajiros, Dj Juan Magán, Dj Marcos Rodríguez

- Praza Roxa. 24:00 horas.- Finalistas Música Xove: Sinestesia, Dirty Socks, Pa la Peña, Bronquitis Crónica

Compartir: