FESTAS

Amaral presenta en Compostela o seu último traballo

28/07/2008 Unha das citas máis agardadas deste Apóstolo 2008 é o concerto que ofrecerá o martes 29 o dúo zaragozano Amaral. Tres anos despois de conseguir ser o grupo máis vendido de España con Pájaros en la cabeza, regresan á escena musical cun dobre álbum, evocador, que plantexa dualidades, ideas complementarias e incluso polos opostos, segundo sinalan os propios artistas.

O álbum inclúe 19 cancións que amosan unha peculiar mestura entre complexidade e sencillez, con guitarras, baixo e batería como columna vertebral dun sonido e duns arranxos que enmarcan a voz de Eva Amaral. "Kamikaze" é o título do primeiro sinxelo extraído do álbum, que rapidamente se converteu nun dos temas máis escoitados no noso país.

Todos os que se acheguen ás 23:00 horas á praza do Obradoiro poderán desfrutar dun dos grupos con maior proxección dos últimos anos. Por outra banda, ás 23:30 horas, terá lugar no Toural a actuación de 6 PM, o grupo indie-electrónico formado por Raúl Mon e Iván Oubiña, que interpretan temas con base electrónica.

Homenaxe ás Bandas Populares
As Festas do Apóstolo continúan coa súa programación, que se prolongará ata o xoves 31 de xullo. O cartel tradicional das festas foi o luns 28 o protagonista coa celebración da Homenaxe ás Bandas Populares. Este festexo, que cumpre a súa XXX edición, é un clásico das Festas. Cinco bandas procedentes de Ponteceso, Visantoña, Barbadás, Lantaño e Calo son as encargadas de poñer a nota musical polas rúas da zona histórica da cidade.

Preto de 300 músicos chegaron ao Obradoiro. Xosé Luis Bernal, organizador da xornada, saudou ás bandas, que lle responderon cada unha cun acorde. Na escalinata da Quintana interpretaron todas xuntas o Himno Galego, dirixido por un director escollido democraticamente entre os directores das bandas participantes.

Á unha do mediodía, as bandas tocaron polas rúas da zona histórica da cidade. Xa pola tarde, concerto na rúa do Vilar. Cada banda dispón 15 minutos para interpretar as pezas que escolleran libremente.

Nestes trinta anos de celebración, máis de 12.000 músicos e 300 bandas viñeron a Santiago de Compostela.

O programa festivo do luns 28 complétábase co Musical de Cuba, na Quintana ás 23:00 horas con entrada libre. E no Toural, a partir das 20:30 horas, sons e danzas de Pesdelán, que pretenden recuperar a cultura participativa das festas.

Compartir: