FESTAS

Santiago e Padrón traballarán na recuperación das ribeiras do Sar

28/07/2008 As Festas do Apóstolo non faltaron á súa cita con Padrón. No día dedicado á vila veciña, a delegación padronesa, encabezada polo seu alcalde, Camilo Forján, foi recibida polo rexedor compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.

Os dous alcaldes e as respectivas corporacións saudáronse na praza do Obradoiro. Alí, intercambiaron bastóns e pendóns. Despois dirixíronse ao Salón Nobre de Raxoi, onde Sánchez Bugallo e Forján pronunciaron unhas palabras, nas que recordaron a historia desta xornada, recuperada en 1988, pero que vén de case 50 anos atrás.

O alcalde compostelán expresou o seu compromiso en traballar xunto con Padrón, ademais de cos concellos de Brión e Ames e co organismo Augas de Galicia, na recuperación das ribeiras do Sar e na habilitación de zonas peonís nos mesmos. Neste sentido anunciou una xuntanza para o mes de setembro.

Pola súa parte, o alcalde padronés, ademais de referirse a esta cuestión, demandou o apoio compostelán á reivindicación de que non desapareza a liña ferroviaria ata Vilagarcía. Sánchez Bugallo comprometeuse a realizar as oportunas consultas sobre esta cuestión e sobre a posibilidade de que no tramo Santiago-Vigo se empregue o sistema de triple vía, que permitiría compatibilizar o AVE cos trens de proximidade.

Tras as intervencións, os alcaldes e as dúas corporacións saíron aos balcóns de Raxoi para escoltar as notas interpretadas polas bandas municipais de música de Santiago e de Padrón.

Compartir: