ALCALDÍA

O alcalde pide ao Apóstolo a súa axuda para saír das actuais circunstancias económicas

25/07/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, realizou a Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago, na súa condición de Delegado Rexio. Como é habitual, fixo un repaso aos temas de maior actualidade, como a inmigración, a violencia de xénero, a situación económica, o terrorismo ou o xa próximo Xacobeo 2010.

Despois de pasar revista ás tropas e de saudar ás autoridades na praza do Obradoiro, o alcalde dirixiuse á Catedral, onde asistiu á Santa Misa. Durante a mesma, pronunciou a ofrenda, convertida, segundo dixo "nun símbolo de concordia entre as ideas e as xentes da nosa cidade, de Galicia e de toda España". Por iso, demandou do Apóstolo "máis que nunca, unha maior cohesión social que se traduza na defensa da dignidade humana e do amor ao próximo".

No repaso ás cuestións de actualidade, Sánchez Bugallo referiuse en primeiro lugar á inmigración e á conmoción que supón a morte daqueles que intentan chegar ás costas españolas. "Contemplamos a morte de bebés e nenos no mar, unha imaxe que pon a flor de pel todas as sensibilidades e que nos esixe redobrar os esforzos de cooperación internacional para que esas persoas poidan alcanzar nos seus países de orixe a seguridade e o benestar que buscan nos nosos", apuntou. Tamén reclamou protección "para os miles de inmigrantes que atoparon entre nós a terra na que cimentar as súas esperanzas e ilusións".

Recordou o alcalde a necesidade de "protexer á infancia e á xuventude", en referencia á proliferación de delitos como pederastia ou a pornografía infantil. Para contrarrestalos, avogou por unha xustiza máis eficaz e un maior rigor na vixilancia e protección dos menores". Fronte a estes abusos e outros como os da violencia de xénero, manifestou a súa aposta por unha "educación para a convivencia, a tolerancia e a solidariedade dende a escola".

Creación de emprego, recordo ás vítimas de ETA e Ano Santo
Na Ofrenda tamén houbo tempo para a loita contra o cambio climático e para a actual situación económica. "Queremos ter un recordo especial para aqueles que con motivo das novas circunstancias económicas perderon o seu emprego, e por iso che pedimos acerto para saír deste escenario e que nos axudes a recuperar a senda da creación de emprego potente e sostido". Con este obxectivo, dixo, "a sociedade necesita confianza e ilusión no futuro".

Sánchez Bugallo tivo un recordo para as dúas últimas vítimas de ETA, o ex-concelleiro de Mondragón Isaías Carrasco e o garda civil Juan Manuel Piñuel. "Xamais cesaremos no empeño de soñar coa paz, e cremos que o estado de dereito e as liberdades vencerán sobre a barbarie".

Xa mirando cara o futuro, referiuse ao Ano Santo 2010, celebración na que "non escatimaremos esforzos nin recursos para que acade a solemnidade e o prestixio que merece" e que seguirá sendo "un exemplo de diálogo e consenso". Tamén pediu ao Apóstolo "tesón, capacidade de traballo e altura nos propósitos, e que as infraestruturas comprometidas cheguen a Galicia nos prazos establecidos para continuar dándolle ao Ano Santo a dimensión internacional da que xa goza".

O alcalde rematou a Ofrenda co capítulo de solicitudes de "especial protección" para as Súas Maxestades os Reis, o Goberno da Nación, as formacións políticas, os pobos do mundo, as nacións irmáns de Latinoamérica, os débiles e os desamparados do mundo, os Corpos e Forzas de Seguridade, todas as terras de España, os nosos emigrantes, a Igrexa católica e todas as relixións do mundo. Finalmente, pediu "as mellores beizóns do Ceo e a túa especial protección para a nosa Galicia e as súas xentes, para aqueles que están lonxe e os que sofren a soidade, carencias importantes ou enfermidades".

Despois da homilía de resposta ao oferente do arcebispo compostelán, Julián Barrio, e rematado o acto relixioso, a comitiva desprazouse ata o Concello, para a tradicional recepción ao Delegado Rexio, quen asinou no Libro de Honra da cidade. Este realizou alí outra breve intervención, na que agradeceu á Casa Real o seu nomeamento.

Entre as autoridades presentes na Ofrenda, estaban tamén, entre outras, o ministro de Cultura, César Antonio Molina; o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño; o delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras; a presidenta do Parlamento e Delegada Rexia en 2007, Dolores Villarino; varios conselleiros da Xunta e diversas autoridades políticas, militares, xudiciais e académicas.

Documentos relacionados



Compartir: