FESTAS

Medra a presenza dos máis novos na homenaxe ao traxe galego

23/07/2008 O traxe tradicional galego non faltou á súa cita coas Festas do Apóstolo, e tampouco todos aqueles cidadáns, moitos deles moi novos, que lle renderon homenaxe vestíndoo polas rúas de Santiago. O Día do Traxe Galego cumpriu así a súa trixésima edición.

Como parte dos actos desta xornada, os participantes foron recibidos en Raxoi polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen manifestou a súa "ilusión" por ver a tanta xente ataviada co traxe galego, "algo que forma parte das nosas festas e da nosa cultura". Ademais, tivo un recordo para un habitual na cita recentemente falecido, Ángel Cebro.

Tamén interveu, amosando como sempre o seu entusiasmo na defensa do traxe, a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Pilar Domínguez. Ao seu carón estaban tamén vestidos co traxe tradicional os concelleiros de Festas, Xosé Baqueiro; Educación, Guadalupe Rodríguez; e Persoal, Rosa Fernández.

Os actos do Día do Traxe Galego comezarán coa concentración na Alameda ás 11:30 horas, para saír máis tarde o desfile dende o seu paseo central. Percorreu Porta Faxeira, Toural, Rúa do Vilar, Praterías e baixará ata o Obradoiro. Ás 13:00 horas tivo lugar a misa solemne na Catedral, coa tradicional Ofrenda ao Apóstolo.

Para a tarde quedaba o Certame do Traxe, con desfile ás 19:30 horas partindo de San Domingos de Bonaval para percorrer Casas Reais, Cervantes, Preguntoiro, Calderería, Orfas, Rúa do Vilar, Praterías, Conga e Quintana. Nesta praza, exhibición de traxes e entrega de premios. As categorías de premios son: premio de traxe antigo completo, premio de traxe de cotío e premio de traxe moderno, ademais dos agasallos para os nenos.

Compartir: