FESTAS

Traxes galegos e gospel nunha nova xornada das Festas do Apóstolo

22/07/2008 As Festas do Apóstolo continúan ofrecendo múltiples actividades e espectáculo para todas as idades e gustos. Se o luns 21 foi o cantautor brasileiro Caetano Veloso quen conseguiu congregar a máis de 2.000 persoas na Quintana, o mércores 23 tócalle o turno á parte máis tradicional das festas: a celebración do Día do Traxe Galego.

A Asociación do Traxe Galego fai un chamamento aos cidadáns para que saian ás rúas vestidos cos traxes galegos, aínda que non participen nas actividades programadas. A presidenta da Asociación, Pilar Domínguez, sinala que "non hai nada máis fermoso que impulsar a nosa propia cultura e tradicións".

O día comezará coa concentración na Alameda ás 11:30 horas, para saír máis tarde o desfile dende o seu paseo central. Percorrerá Porta Faxeira, Toural, Rúa do Vilar, Praterías e baixará ata o Obradoiro. Ás 13:00 horas terá lugar a misa solemne na Catedral, coa tradicional Ofrenda ao Apóstolo. Ás 14:00 horas, a Corporación Municipal ofreceralles unha recepción de honra.

Xa pola tarde, terá lugar o Certame do Traxe. Todos os que queiran participar deberán estar ás 16:00 horas en San Domingos de Bonaval. O desfile dende aquí comezará ás 19:30 horas e percorrerá Bonaval, Casas Reais, Cervantes, Preguntoiro, Calderería, Orfas, Rúa do Vilar, Praterías, Conga e entrará na Quintana pola rampa de San Paio e Casa da Conga. O desfile continuará pola Quintana onde, ás 20:00 horas, comezará a exhibición de traxes e a entrega de premios.

As categorías de premios son: premio de traxe antigo completo, premio de traxe de cotío e premio de traxe moderno, ademais dos agasallos para os nenos.

Un coro gospel animará a noite do 23 na Quintana
O coro gospel de Nueva Orleáns Joyful Gospel Choir ofrecerá un repertorio dos seus mellores temas o mércores 23, ás 23:00 horas, na praza da Quintana. As súas actuacións ofrecen un puro son de gospel espiritual. Actualmente, son una parte indispensable da cultura musical de Europa e miles de persoas agardan cada ano as súas actuacións.

Colectivamente, esta agrupación suma máis de 200 anos de experiencia profesional en gospel. No directo que ofrecerán en Santiago presentarán temas tradicionais e tamén novas versións.

La Mala Rodríguez
La Mala Rodríguez presenta a súa xira, Ojo con la Mala, en Compostela no marco da noite do 24 de xullo. Desta xira non volverá a ofrecer outro novo concerto ata o ano 2009.

Compartir: