FESTAS

Arredor de 15.000 persoas acudiron ao pregón de Boris Izaguirre e á actuación de Carlos Baute

19/07/2008 As Festas do Apóstolo 2008 arrincaron no Obradoiro co lectura do pregón a cargo do escritor e presentador, Boris Izaguirre. O polifacético comunicador, que se amosou ilusionado por ser o pregoeiro destas festas, destacou no seu discurso o amor que sente por Santiago de Compostela, as súas xentes e rúas e quixo compartir con todos os presentes no Obradoiro as experiencias que viviu nesta cidade na súa xuventude.

O público desfrutou coa súa xenerosidade e conseguiu congregar a 15.000 persoas na praza que lle escoitaron con moita atención. Tras o pregón, o venezolano Carlos Baute animou a todos os presentes con suxerentes bailes e con cancións do seu último traballo, De mi puño y letra.

Xornadas de Folclore Galego na Quintana
Como todos os anos, dentro do marco das festas do Apóstolo, chegan as Xornadas de Folclore Galego, que se celebrarán durante o sábado 19 o domingo 20. Este evento cultural está xa asentado na cidade e pretende atraer aos grupos máis representativos do panorama do folclore tradicional galego.

Bailarán cada día catro grupos. Estes realizarán previamente e con saída desde o paseo central da Alameda un desfile polas rúas da zona vella. Na xornada do sábado, os encargados de animar estas festas son: Tequexetéldere (A Estrada), Lembranzas Galegas (Vigo), A Ponte Vella (Teo) e Malveiras (Vilagarcía). O domingo estarán no escenario da Quintana os seguintes grupos: Bricandeira (Santiago de Compostela), Cantigas e Agarimos (Santiago de Compostela), Donaire (A Coruña) e Colexiata do Sar (Santiago). As xornadas cumpren este 2008 a súa XXXX edición.

The Ten Tenors no Obradoiro
Ás 22:00 horas terá lugar no Obradoiro o prato forte da xornada do sábado 19. The Ten Tenors ofrecerá un concerto para os amantes da ópera que de ben seguro non defraudará a ninguén. Estes dez australianos presentan en Santiago de Compostela o primeiro concerto da súa xira: Here´s to the heroes.

No concerto, o público gozará de cancións de John Barry, gañador de cinco Óscar, 4 Grammy e 1 Globo de Ouro e icono no mundo das bandas sonoras. Ademais, poderanse escoitar as óperas máis representativas de Rossini, Verdi, Bizet ou Puccini.

O momento máis divertido do show será cando os dez tenores interpreten versións dos temas máis coñecidos de Bee Gees, Abba, Los Beatles ou Simon & Garfunkel. Sorprenderán ao público con versións corais dalgunhas das cancións españolas máis populares.

Axenda para o domingo 20 de xullo
Festa do escalo en Chaián. XXXIV Concurso de pesca de ciprínidos
12:00 horas.- Concerto da Banda Musical de Música, na rúa do Vilar
20:30 horas.- Xornadas de Folclore Galego. Praza da Quintana
20:30 horas.- Noites na Alameda. Actuacións de Los Caporales, César Xacaré e Orlando e a súa orquestra
23:00 horas.- Música folc no Toural. Ophiusa
24:00 horas.- Etnofonía, conducido por Emy Dragoi. Praza da Quintana
24:00 horas.- Exhibición de capoeira a cargo de Capoeira Nago e os profesores Indio e Graduado Modelo

Compartir: