FESTAS

Boris Izaguirre evoca os seus anos en Santiago na apertura das Festas do Apóstolo

18/07/2008 As Festas do Apóstolo 2008 botaron a andar co pregón de Boris Izaguirre. Na súa intervención ante o numeroso público que ateigaba a praza do Obradoiro, o escritor e presentador compostelán lembrou a súa vinculación con Santiago, cidade á que chegou en 1992, con 26 anos.

Izaguirre amosouse encantado de dar o pregón en Compostela e nunha praza do Obradoiro na que "tiven moitas noites solitarias, intentando buscar unha explicación non só á miña vida, senón ao que ía a facer dela". Lembrou que cando deixou Caracas, o poeta colombiano Álvaro Mutis dera unha charla e dixera que "neste Santiago descubrira que todo escritor é un peregrino eterno. Unha persoa que xamais ten asento, que sempre está de viaxe, por mundos reais, ficticios, internos e exteriores". Con esta idea na cabeza, chegou a Santiago coa idea de "adaptar La casa de la Troya, de Pérez Lugin, nun culebrón que xamais chegou a facerse, pero que en cambio fíxome vivir nesta cidade mil e unha noites de sorpresa, amor e xuventude".

Despois de recordar un encontro con Julio Iglesias, contou como un día decidiu saír á rúa para invitar a xente a unha festa. "Fun á porta de Follas Novas, a librería co mellor nome do mundo e na que mellor lin na miña vida, e á porta do Zum- Zum e ata a do café da Praza Roxa, e alí tomaba a candidatos e candidatas polo brazo e invitábaas", indicou. Nesa festa, chea de anécdotas que relatou, coñeceu ao seu actual marido. Por iso, engadiu que "para min Santiago foi a poesía do inesperado. Somos como tantas historias de amor que teñen unido este país con Latinoamerica. E xuntos conquistamos nostalxias e espazos".

Por aquel entón, dixo Izaguirre, "nunha cidade allea, descoñecida pero me estaba ensinando o país que logo me daría nacionalidade, fortuna, profesión". De Compostela lembrou tamén as súas dúas igrexas favoritas: o convento das Pelayas na Quintana, polos seus brazos de xitano, e San Martín Pinario, pola súa protección.

O venezolano tamén tivo palabras para todas aquelas persoas que marcaron a súa vida en Santiago e reiterou o seu "amor a esta cidade, ás súas rúas, aos seus monumentos, aos meus amigos, que aínda que unha mañá decidira irme, sempre volvo aquí. Para cear cos fillos de Ángeles, para celebrar o meu finalista do Planeta, para ver un magnolio da igrexa de Santa Clara ou para queda horas diante destas torres con forma de pagoda, de loucura oriental que serven de compañeiras á Berenguela". Animou a todos a gozar "moito, moito, moito" das festas, porque como dixo, "toda festa, queridos amigos, é sempre unha peregrinaxe cara a liberdade".

Carlos Baute
Despois do pregón, tempo para a música, da man de Carlos Baute, quen ofreceu un concerto de balde na propia praza do Obradoiro. O público bailou ao ritmo das cancións do último disco do artista, De mi puño y letra, e dos seus temas máis coñecidos.

Ao mesmo tempo, os amantes dos ritmos máis bailables puideron gozar na carpa de Noites da Alameda, con música mexicana, brasileira, salsa, merengue, cumbia e clases de baile. Na praza do Toural, Etnofonía, espectáculo conducido polo romanés Emy Dragoi.

Sábado 19
Para o sábado 19, o prato forte é a actuación dos australianos The Ten Tenors na praza do Obradoiro, coa súa exhibición vocal ao servizo de temas clásicos e modernos. A entrada numerada custa 32 euros e a non numerada 23. O concerto, ás 22:00 horas.

A xornada festiva comezará ás 20:30 horas coa celebración das Xornadas de folclore galego na praza da Quintana. Continuarán as Noites na Alameda e nesta ocasión, ademais de ritmos bailables, haberá unha exhibición de capoeira. No Toural, á media noite, actuación de Los Hound Dogs.

Documentos relacionados



Compartir: