FESTAS

Boris Izaguirre, feliz por ser o pregoeiro nunha cidade que o marcou

18/07/2008 O pregoeiro das Festas do Apóstolo, Boris Izaguirre, foi recibido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, unhas horas antes de dirixirse a todos os composteláns. O venezolano, expresou a súa ledicia por ser escollido para esta tarefa.

Despois de conversar uns minutos co alcalde e de fotografarse nos balcóns de Raxoi, Izaguirre compareceu ante os medios de comunicación na compaña do concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro. Este agradeceu ao pregoeiro a súa presenza e definiuno coma un "gran comunicador". Ademais, destacou as súas "facilidades, simpatía e cariño". A Concellería de Festas xa intentara anteriormente que Boris Izaguirre fora o pregoeiro, pero ata agora impedírano problemas de axenda.

Pola súa parte, o pregoeiro leu as primeiras palabras do seu discurso, nas que evoca aquela Compostela á que chegou en 1992, da que lle sorprendeu que non houbese praza de touros e a forma de elaborar a tortilla de patacas. Declarouse como "un home do Atlántico" e recordou que no viña a Santiago dende novembro, pero que ía quedar uns días tras o pregón.

O venezolano garda unha estreita relación coa cidade de Compostela, tanto persoal como profesional, pois foi na capital galega onde comezou a súa carreira nos medios de comunicación españois, no programa Compostela Sol y Luna.

Boris Izaguirre deu o seu gran salto á televisión a través do programa Crónicas Marcianas, onde colaborou durante moitos anos. Regresaría á televisión para presentar o espazo vespertino Channel nº4. Ademais, Boris ten unha ampla obra literaria que comezou coa publicación en 1998 de Azul petróleo. Foi finalista da última edición dos Premios Planeta coa novela Villa Diamante.

Tras o pregón de Boris Izaguirre tocará o turno de cantar e bailar cos sons do último traballo do cantante Carlos Baute, De mi puño y letra. O concerto terá lugar no Obradoiro e a entrada é gratuíta.

Compartir: