FESTAS

As Festas do Apóstolo comezan co pregón do escritor e presentador Boris Izaguirre

17/07/2008 As Festas do Apóstolo arrancan venres, día 18, coa lectura do pregón, que correrá a cargo do escritor e presentador Boris Izaguirre. O venezolano garda unha estreita relación coa cidade de Compostela, tanto persoal como profesional, pois foi na capital galega onde comezou a súa carreira nos medios de comunicación españois, no programa Compostela Sol y Luna.

Boris Izaguirre deu o seu gran salto á televisión a través do programa Crónicas Marcianas, onde colaborou durante moitos anos. Regresaría á televisión para presentar o espazo vespertino Channel nº4. Ademais, Boris ten unha ampla obra literaria que comezou coa publicación en 1998 de Azul petróleo. Foi finalista da última edición dos Premios Planeta coa novela Villa Diamante.

Tralo pregón de Boris Izaguirre tocará o turno de cantar e bailar cos sons do último traballo do cantante Carlos Baute, De mi puño y letra. O concerto terá lugar no Obradoiro e a entrada é gratuíta.

Catorce días de festas e un cartel de calidade
O programa de 2008 conta cunha gran variedade de actividades pensadas para toda a familia, os máis mozos e turistas. Haberá doce grandes espectáculos e concertos que se celebrarán no Obradoiro, na Quintana e no Toural. Ademais, as actividades tradicionais terán un lugar destacado, ao igual que a mostra do folclore galego, as orquestras, as actuacións para nenos, o "Compostela Festival" e as diferentes actividades polas rúas da cidade. Ademais, este ano destaca a organización de "Ata o Amencer" que se celebrará na noite do 31 de xullo en oito escenarios diferentes da cidade, contando con actuacións musicais neses puntos.

O concelleiro de Festas e Mocidade, Xosé Baqueiro, convida tanto aos composteláns como aos turistas a que se acheguen estes días á cidade a "gozar e participar nas actividades organizadas e pasar uns días de diversión xunto á familia e os amigos". As festas do Apóstolo, declaradas de Interese Turístico Nacional, durarán 14 días e contarán con preto de 70 actividades.

Á venda as entradas para os concertos
Os interesados xa poden mercar as entradas para os concertos non gratuítos. Pódense adquirir a través das webs de www.caixagalicia.es (Gospel, Toquinho e Maria Creuza, Amaral e Loreena Mckennitt) ou de www.caixanova.es (The Ten Tenors e Caetano Veloso). Ademais, pódense mercar no despacho de billetes do Teatro Principal, de luns a domingo, en horario de 12:30 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas.

Compartir: