FESTAS

Centos de persoas inundarán as rúas de Compostela vestidos co tradicional traxe galego o mércores 23 de xullo

11/07/2008 O concelleiro de Xuventude e Festas, Xosé Baqueiro; a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Pilar Domínguez; e un representante de El Corte Inglés, José Manuel Blanco, presentaron esta mañá en rolda de prensa a trixésima edición do Día do Traxe Galego, que terá lugar dentro do marco das Festas do Apóstolo o próximo mércores, 23 de xullo. Pilar Domínguez fixo un percorrido pola historia desta celebración e lembrou as figuras de Manuel Beiras e José Luis Míguez, grandes precursores desta celebración. Ademais, destacou o crecemento que experimentou nos últimos anos a participación da xente, sobre todo, xente nova e resaltou que a Asociación intentará prestar traxes a todos os que queiran participar neste día.

Desde a Asociación queren facer un chamamento a toda a cidadanía para que o próximo xoves salgan ás rúas ataviados cos típicos traxes galegos, aínda que non participen nas actividades programadas. Segundo sinala Pilar Domínguez, "non hai nada más fermoso que impulsar a nosa propia cultura e tradicións; temos que ser defensores da nosa cultura".

O día comezará coa concentración na Alameda ás 11:30 horas para saír máis tarde o desfile desde o seu paseo central. Percorrerá Porta Faxeira, Toural, Rúa do Vilar, Praterías e baixará ata o Obradoiro. Ás 13:00 horas terá lugar a misa solemne na Catedral, coa tradicional Ofrenda ao Apóstolo. Ás 14:00 horas, aproximadamente, a Corporación Municipal ofreceralles unha recepción de honra.

Xa pola tarde, terá lugar o Certame do Traxe. Todos os que queiran participar deberán estar ás 16:00 horas en San Domingos de Bonaval. O desfile comezará ás 19:30 horas e percorrerá Bonaval, Casas Reais, Cervantes, Preguntoiro, Calderería, Orfas, Rúa do Vilar, Praterías, Congas e entrará na Quintana pola rampa de San Paio e casa da Conga. O desfile continuará pola Quintana onde, ás 20:00 horas, comezará a exhibición de traxes e a entrega de premios.

As categorías de premios son: premio de traxe antigo completo; premio de traxe de cotío; e premio de traxe moderno, ademais dos agasallos para os nenos.

Compartir: