PRESENTACIÓN

A campaña Saborea o galego! impulsada desde o Concello de Santiago busca a implicación do persoal ao servizo da cidadanía na Administración local, un dos obxectivos recollidos no Plan xeral de normalización da lingua galega, así coma no Plan de normalización lingüística do Concello de Santiago para garantir o uso normal da lingua galega en todos os aspectos da comunicación corporativa.

Deste xeito, o material que presentamos achega unha serie de recursos que nos axudarán a reforzar a competencia lingüística e os coñecementos normativos, ademais de proporcionarnos fontes de referencia para a resolución de dúbidas na elaboración das nosas comunicacións.

Debemos ter sempre presente que os administrados teñen dereito a recibir da Administración unha comunicación eficaz en lingua galega e que nós, como parte funcional da Administración, debemos garantir os dereitos da cidadanía, para alén das obrigas de comunicación e lingüísticas do noso posto de traballo.

Como apoio á mellora das nosas comunicacións e dos nosos usos lingüísticos, o Concello de Santiago conta cun Departamento de Lingua que inclúe nas súas funcións un servizo de asesoramento lingüístico orientado cara a ti e cara ás túas necesidades comunicacionais e lingüísticas.

Estes servizos de asesoramento lingüístico céntranse en:

Corrixir textos de xeito formativo, para que mellores as túas competencias lingüísticas e que é unha referencia imprescindible para mellorar a calidade dos nosos textos.

Resolver consultas lingüísticas sobre calquera aspecto da lingua, as especificidades da linguaxe administrativa ou sobre ámbitos doutras linguaxes de especialidade.

Informar sobre aqueles aspectos relacionados coa nosa formación e as características do noso perfil lingüístico.

Proporcionar referencias sobre o noso marco normativo-lingüístico e a realidade sociolingüística do Concello de Santiago.

A campaña Saborea o galego! impulsada desde o Concello achéganos unha serie de recursos que nos axudarán a reforzar a competencia lingüística e os coñecementos normativos, ademais de proporcionarnos fontes de referencia para a resolución de dúbidas na elaboración das nosas comunicacións.

Amais, debemos lembrar que o Departamento de Lingua cumpre tamén funcións de formación e capacitación lingüística e é o piar esencial desde o que se implementa a política lingüística e de dinamización do noso termo municipal.

 

Departamento de Lingua Galega
Avenida de Raxoi, s/n - 1º andar
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 542 409 // Fax: 981 542 410
dlg@santiagodecompostela.org


créditos