NORMATIVA

XERAL

INTERNACIONAL

AUTONÓMICAS

Disposicións xerais

Administración periférica do Estado en Galicia

Administración autonómicas

Administración local

Concello de Santiago

Toponimia

Actividades comerciais

XERAL

Constitución española

1978. ARTIGOS 3, 20 E 148

ARTIGO 3
1. O castelán é a lingua española oficial do Estado. Todos os españois teñen o deber de coñecela e o dereito a usala.
2. As outras linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus estatutos.
3. A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección.

ARTIGO 20
1. Recoñécense e protéxense os dereitos:
a) A expresar e difundir libremente os pensamentos, ideas e opinións mediante a palabra, o escrito ou calquera outro medio de reproducción.
b) Á produción e creación literaria, artística, científica e técnica.
c) Á liberdade de cátedra.
d) A comunicar ou recibir libremente información veraz por calquera medio de difusión. A lei regulará o dereito á cláusula de conciencia e ao segredo profesional no exercicio destas liberdades.

ARTIGO 148
1. As comunidades autónomas poderán asumir competencias nas seguintes materias:
1.º Organización das súas institucións de autogoberno.
2.º As alteracións dos termos municipais comprendidos no seu territorio e, en xeral, as funcións que lle correspondan á Administración do Estado sobre as corporacións locais e de transferencia autorizada pola lexislación sobre réxime local.
3.º Ordenación do territorio, urbanismo e vivenda.
4.º As obras públicas de interese da comunidade autónoma no seu propio territorio.
5.º As vías férreas e estradas de percorrido comprendido integramente no territorio da comunidade autónoma e, nos mesmos termos, o transporte levado a cabo por estes medios ou por cable.
6.º Os portos de refuxio, os portos e aeroportos deportivos e, en xeral, os que non desenvolvan actividades comerciais.
7.º A agricultura e a gandería, de acordo coa ordenación xeral da economía.
8.º Os montes e aproveitamentos forestais.
9.º A xestión en materia de protección do ambiente.
10.º Os proxectos, construción e explotación dos aproveitamentos hidráulicos, canles e regadíos de interese da comunidade autónoma; as augas minerais e termais.
11.º A pesca nas augas interiores, o marisqueo e a acuicultura, a caza e a pesca fluvial.
12.º Feiras interiores.
13.º O fomento do desenvolvemento económico da comunidade autónoma dentro dos obxectivos marcados pola política económica nacional.
14.º Artesanía.
15.º Museos, bibliotecas e conservatorios de música de interese para a comunidade autónoma.
16.º Patrimonio monumental de interese da comunidade autónoma.
17.º O fomento da cultura, da investigación e, de ser o caso, do ensino da lingua da comunidade autónoma.
18.º Promoción e ordenación do turismo no seu ámbito territorial.
19.º Promoción do deporte e da axeitada utilización do lecer.
20.º Asistencia social.
21.º Sanidade e hixiene.
22.º A vixilancia e protección dos seus edificios e instalacións. A coordinación e demais facultades en relación coas policías locais nos termos que estableza unha lei orgánica.

 

Lei Orgánica 4/2001, do 12 de novembro, reguladora do Dereito de Petición

BOE núm. 272, do 15 de novembro de 2001. Suplemento en galego núm. 15, do 1 de decembro de 2001:

ARTIGO 5. Utilización de linguas cooficiais.
1. No ámbito territorial das comunidades autónomas con estatutos que establezan a cooficialidade lingüística,
os peticionarios terán dereito a lles formular as súas peticións á Administración xeral do Estado ou aos organismos públicos vinculados ou dependentes dela en calquera das linguas oficiais e a obter resposta na lingua da súa elección.
2. Naquelas peticións que se dirixan ás institucións autonómicas e entidades locais, o uso da lingua axustarase
ao previsto na lexislación autonómica correspondente.
3. A institución, administración ou órgano instrutor deberá traducir para o castelán os documentos, expedientes ou partes dos mesmos que deban producir efectos fóra do territorio da comunidade autónoma e os documentos dirixidos aos interesados que así o soliciten expresamente.
Se deben producir efectos no territorio dunha comunidade autónoma onde sexa cooficial esa mesma lingua distinta ao castelán, non será precisa a súa tradución.
REAL DECRETO 905/2007, de 6 de xullo, polo que se crean o Consello das Linguas Oficiais na Administración Xeral do Estado e a Oficina para as Linguas Oficiais.

BOE núm. 172, do 19 de xullo de 2007.
Plan xeral de normalización da lingua galega.
Aprobado por unanimidade o 1 de setembro de 2004 no Parlamento de Galicia.

 

INTERNACIONAL

Declaración Universal dos Dereitos Humanos do 10 de decembro de 1948. Aprobado e proclamado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, o 10 de decembro de 1948. Artigo 2.1.
Convención Internacional sobre os dereitos dos nenos do 20 de novembro de 1989.
Adoptada e aberta ao asinamento e ratificación pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas na súa Resolución 44/25, do 20 de novembro de 1989. Artigos 17, 20 e 30.
Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos.
Barcelona 1996.
Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.
Redactada en Estrasburgo o 5 de novembro de 1992. BOE núm. 222, do 15 de setembro de 2001.

 

AUTONÓMICA

Disposicións xerais

Lei Orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de Autonomía para Galicia.
BOE núm. 101, do 28 de abril de 1981.
ARTIGO 5
1. A lingua propia de Galicia é o galego.
2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.
3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o
emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e dispoñerán os medios
necesarios para facilitar o seu coñecemento.
4. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.
Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.
DOG núm. 84, do 14 de xullo de 1983.

 

Administración periférica do Estado en Galicia

Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Artigos 35 e 36. BOE núm. 285, do 27 de novembro de 1992.

Título IV
DA ACTIVIDADE DAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS
Capítulo I
Normas xerais
ARTIGO 35. Dereitos dos cidadáns.
Os cidadáns, nas súas relacións coas administracións públicas, teñen os seguintes dereitos:
a) A coñeceren, en calquera momento, o estado da tramitación dos procedementos nos que teñan a condición de interesados, e a obteren copias de documentos contidos neles.
b) A identificaren as autoridades e o persoal ao servizo das administracións públicas que teñan baixo a súa responsabilidade a tramitación dos procedementos.
c) A obteren copia selada dos documentos que presenten, achegándoa xunto cos orixinais, así como á devolución destes, agás cando os orixinais deban constar no procedemento.
d) A empregaren as linguas oficiais no territorio da súa comunidade autónoma, de acordo co previsto nesta lei e no resto do ordenamento xurídico.
e) A formularen alegacións e a achegaren documentos en calquera fase do procedemento anterior ao trámite de audiencia, que o órgano competente deberá ter en conta ao redactar a proposta de resolución.
f) A non presentaren documentos non esixidos polas normas aplicables ao procedemento de que se trate, ou que xa se encontren en poder da Administración actuante.
g) A obteren información e orientación acerca dos requisitos xurídicos ou técnicos que as disposicións vixentes lles impoñan aos proxectos, actuacións ou solicitudes que se propoñan realizar.
h) A accederen aos rexistros e arquivos das administracións públicas nos termos previstos na Constitución e nesta ou outras leis.
i) A seren tratados con respecto e deferencia polas autoridades e funcionarios, que deberán facilitarlles o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas.
l) A esixiren a responsabilidade das administracións públicas e do persoal ao seu servizo cando así corresponda legalmente.
ll) Calquera outro que lles recoñeza a Constitución e as leis.

ARTIGO 36. Lingua dos procedementos.
1. A lingua dos procedementos tramitados pola Administración xeral do Estado será o castelán. Non obstante o anterior, os interesados que se dirixan aos órganos da Administración xeral do Estado con sede no territorio dunha comunidade autónoma poderán utilizar tamén a lingua que sexa cooficial nela.
Neste caso, o procedemento tramitarase na lingua elixida polo interesado.
De concorreren varios interesados no procedemento e existir discrepancia en canto á lingua, o procedemento tramitarase en castelán, aínda que os documentos ou testemuños que requiran os interesados se expedirán na lingua elixida por eles.
2. Nos procedementos tramitados polas administracións das comunidades autónomas e das entidades locais, o uso da lingua axustarase ao previsto na lexislación autonómica correspondente.
3. A Administración pública instrutora deberá traducir para o castelán os documentos, expedientes ou partes deles que deban producir efecto fóra do territorio da comunidade autónoma e os documentos dirixidos aos interesados que así o soliciten expresamente. Se deben producir efectos no territorio dunha comunidade autónoma onde sexa cooficial esa mesma lingua distinta do castelán, non será precisa a súa tradución.
Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.
Disposición adicional sexta. BOE núm. 150, do 23 de xuño de 2007. Suplemento en galego núm. 17, do 2 de xullo de 2007.

 

Administración autonómica

Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.
DOG núm. 53, do 16 de marzo de 2006.
Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.
Artigos 12.3 e 15.7. DOG núm. 136, do 14 de xullo de 2006.

ARTIGO 12. Concesións de servizos públicos.
2. Os pregos de cláusulas administrativas conterán as previsións necesarias para garantir, como mínimo, os seguintes dereitos das persoas usuarias:
3º) A utilizar, á súa elección, o galego ou o castelán nas súas relacións coa entidade concesionaria e cos seus representantes e traballadores.

ARTIGO 15. Principios de actuación
1. As persoas comprendidas no ámbito de aplicación establecido no artigo 14 desta lei observarán, no exercicio das súas funcións, o disposto na Constitución, no Estatuto de Autonomía de Galicia e no resto do ordenamento xurídico, e promoverán o respecto aos dereitos fundamentais e ás liberdades públicas.
2. Así mesmo, adecuarán a súa actividade aos seguintes principios éticos e de actuación:
7º) Usarán normalmente o galego, oralmente e por escrito, nas relacións coa cidadanía.
Decreto 258/2006, do 28 de decembro, polo que se crea a Comisión Interdepartamental da Xunta de Galicia para a Normalización Lingüística.

DOG núm. 13, do 18 de xaneiro de 2007.
Decreto 145/2007, do 19 de xullo, polo que se modifica o Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.
DOG núm. 148, do 10 de agosto de 2007. 
Lei 13/2007, do 27 de xullo, de modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia. Artigo 33. DOG núm. 165, do 27 de agosto de 2007.

 

Administración local

Lei 5/1988, do 21 de xuño, do uso do galego como lingua oficial polas entidades locais. DOG núm. 124, do 30 de xuño de 1988.
Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

ARTIGOS 7, 238, 240, 245 e 252. DOG núm. 149, do 5 de agosto de 1997.
Lei reguladora das bases do réxime local.
Lei 7/1985 do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local. Modificada pola Lei 11/1999 do 21 de abril de 1999.

ARTIGO 14
Os cambios de denominación dos concellos só terán carácter oficial cando, logo de seren anotados nun rexistro creado pola Administración do Estado para a inscrición de todas as entidades a que se refire a presente Lei, se publiquen no Boletín Oficial do Estado.
A denominación dos concellos poderá ser para todos os efectos, en castelán, en calquera outra lingua española oficial na respectiva comunidade autónoma, ou en ambas as dúas.

Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Concello de Santiago

Regulamento de uso do Galego na Administración Municipal de Santiago de Compostela
A principal manifestación da identidade cultural dun pobo é a súa lingua.
A Constitución española estabelece no artigo 3 que, como tal patrimonio cultural, “será obxecto de especial respecto e protección”.
O artigo 5.3 do Estatuto de Autonomía desenvolve aínda máis o precepto ao encomendarlles aos poderes públicos de Galicia que garantan o uso normal e oficial da lingua galega –xuntamente coa castelá- e potencien o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa “e disporán –engade- os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento”.
Cando o Estatuto de Autonomía outorga carácter oficial á súa lingua está impoñendo obrigas aos poderes públicos autonómicos. Aos poderes públicos impónselles o coñecemento da lingua como medio normal de comunicación entre eles e na súa relación cos suxeitos privados con plena validez para efectos xurídicos. Esta é a xurisprudencia do Tribunal Constitucional recollida no fundamento xurídico segundo da sentenza 82/1986.
A Lei de normalización lingüística de Galicia no artigo 5.4 estabelece que “a Xunta ditará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego. As corporacións locais deberán facelo de acordo coas normas recollidas nesta lei”.
En virtude do disposto naquel precepto legal, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 5/1988, do 21 de xuño, do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais, que dá cumprimento ao mandato estatutario.
En Galicia, onde a inmensa maioría da poboación fala ou entende a súa lingua, as corporacións locais poden e deben desenvolver accións encamiñadas a recuperaren o uso do noso idioma para os usos administrativos. A lingua galega precisa o recoñecemento oficial previsto nas leis para que os complexos lingüísticos presentes na nosa sociedade desaparezan.
As corporacións locais por seren as administracións máis próximas aos cidadáns son as que máis preto viven da marxinación da lingua galega. É preciso, pois, que os rexedores municipais, en primeiro lugar corrixan os hábitos lingüísticos existentes de predominio da lingua castelá.
Por considerarmos que as razóns expostas abondan para cambiar as actitudes lingüísticas propónselle ao Pleno da Corporación a aprobación do seguinte regulamento:

Capítulo I
ARTIGO 1º
1.- O galego, como lingua propia de Galicia, é o idioma oficial do Concello de Santiago de Compostela.
2.- Os cidadáns teñen dereito a ser atendidos e obter copia ou recibir notificación da documentación municipal no idioma oficial da súa elección.
ARTIGO 2º
O Concello de Santiago de Compostela empregará normalmente o galego nas súas actuacións administrativas internas e nas relacións cos cidadáns e coas entidades públicas situadas en Galicia.
Nas relacións coas persoas ou entidades radicadas fóra do territorio da nosa Comunidade Autónoma, o Concello empregará normalmente o castelán ou outra lingua oficial do lugar onde residan aquelas.

Capítulo II
Das resolucións e da documentación administrativa
ARTIGO 3º
Serán redactadas en galego:
a) As convocatorias das sesións de todos os órganos colexiados da Corporación e nomeadamente as do Pleno, Comisión de Goberno, comisións informativas, consellos sectoriais e tribunais de oposicións e concursos.
b) As actas das sesións dos citados órganos municipais.
c) As resolucións do alcalde, dos concelleiros delegados e o seu libro de rexistro.
ARTIGO 4º
A documentación dos expedientes administrativos que dean lugar á adopción dos acordos e resolucións referidos no artigo anterior tamén será redactada e tramitada en galego, idioma no que se elaborarán os modelos de documentos impresos.
Nos planos e procesos de informatización e racionalización administrativa deberase ter en conta o citado obxectivo.
ARTIGO 5º
Os documentos contractuais subscritos polo Concello serán redactados en galego.
Se a outra parte contratante o solicita ou o negocio debe producir efecto fóra do territorio da Comunidade Autónoma, tamén será redactado en castelán.
ARTIGO 6º
Sen prexuízo do que para os rexistros públicos estabelece o art. 9 da Lei 3/1983, nos rexistros administrativos das oficinas do Concello os asentos faranse sempre en galego, independentemente da lingua na que estean escritos.

Capítulo III
Atención ao público
ARTIGO 7º
Os servizos da Oficina de Información e demais unidades administrativas que teñan unha relación co público máis intensa promocionarán o uso do idioma galego mediante a súa utilización como lingua normal de comunicación e a información aos cidadáns dos seus dereitos lingüísticos, de acordo cos criterios de máximo respecto e non discriminación.
O disposto no presente artigo tamén é de aplicación ás empresas ou entidades que presten servizos públicos municipais por concesión, arrendamento ou concerto.

Capítulo IV
Relación coas empresas privadas
ARTIGO 8º
Os estudos, proxectos e traballos semellantes que o Concello encargue a terceiros dentro do ámbito territorial galego terán que ser redactados en galego, aínda que a súa finalidade esixa tamén a redacción noutra lingua.

Capítulo V
Anuncios e publicacións
ARTIGO 9º
Os anuncios oficiais da Corporación que se publiquen no Boletín Oficial da Provincial, Diario Oficial de Galicia ou calquera medio de comunicación radicado no territorio da nosa Comunidade Autónoma serán redactados en galego.
ARTIGO 10º
Con carácter xeral, as publicacións editadas polo Concello, teñan ou non carácter periódico e as campañas de divulgación e publicidade realizaranse en lingua galega.
ARTIGO 11º
Os cargos do Concello expresaranse xeralmente en galego nos actos públicos celebrados en Galicia, sempre que a intervención sexa por razón do propio cargo.

Capítulo VI
Topónimos, sinalizacións e rótulos
ARTIGO 12º
Consonte o que dispón o artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística, a única forma oficial dos topónimos do territorio municipal do Concello de Santiago de Compostela é a galega igual cá dos demais topónimos de Galicia.
ARTIGO 13º
Os rótulos e sinalizacións da Casa do Concello e dos outros edificios e servizos públicos e da rede viaria municipal serán redactados en idioma galego.
Cando o interese xeral o requira tamén se poderán redactar noutros idiomas.

Capítulo VII
Do persoal ao servizo da Corporación
ARTIGO 14º
1.- A declaración de oficialidade do idioma galego esixe que todo o persoal ao servizo da Corporación estea en condicións de empregalo nos dous niveis, oral e escrito en igualdade co castelán e de acordo coa natureza do seu posto de traballo.
2.- Para acadar este obxectivo establécense as seguintes regras:
a) O persoal que actualmente traballa ao servizo da Corporación e non estea capacitado para o uso do galego de acordo co disposto no apartado número 1 do presente artigo deberá adquirir tal coñecemento. Con ese fin, o Concello desenvolverá un programa de formación e perfeccionamento.
b) Nos procedementos de selección do novo persoal incluirase unha proba de coñecemento da lingua galega adecuada ao nivel e contido da praza convocada.
c) Nos procedementos de provisión de postos de traballo, o coñecemento da lingua galega terá a consideración de mérito.
d) O persoal ao servizo da Corporación que teña acreditado o coñecemento do idioma galego ou participara nos programas de formación ou perfeccionamento utilizarao no seu traballo de acordo coas disposicións que contén o presente Regulamento.

Capítulo VIII
Relación con outras administracións
ARTIGO 15º
As actuacións realizadas polo Concello perante os órganos de xustiza faranse en lingua galega, consignándose sempre por escrito o cumprimento do artigo 7.2 da Lei 3/1983 de normalización lingüística, referente á utilización da lingua galega por parte da Administración de Xustiza.

Capítulo IX
Do Servizo Municipal de Normalización Lingüística
ARTIGO 16º
O Servizo Municipal de Normalización Lingüística programará e coordinará as accións necesarias para dar cumprimento ao espírito que aniña neste Regulamento.

Aprobado polo Pleno da Corporación
o 29 de decembro de 1988.
Publicado no Boletín Oficial da Provincia o 15 de abril de 1989.
Regulamento do Consello Municipal de Normalización Lingüística
Plan de normalización lingüística do Concello de Santiago

 

Toponimia

Segundo estabelece a Lei de normalización lingüística no seu artigo 10:
1. Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega.
2. Correspóndelle á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia. O nome das vías urbanas será determinado polo Concello correspondente.
3. Estas denominacións son as legais a tódolos efectos e a rotulación terá que concordar con elas. A Xunta de Galicia regulamentará a normalización da rotulación pública respectando en tódolos casos as normas internacionais que subscriba o Estado.
Decreto 332/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da Provincia de Ourense.
DOG núm. 169, do 29 de agosto de 1996.
Lei 2/1998, do 3 de marzo, sobre o cambio de denominación das provincias de A Coruña e Ourense.
BOE núm. 54, do 15 de xuño de 1998. Suplemento núm. 0, do 15 de xuño 1998.
Decreto 174/1998, do 5 de xuño, polo que se modifica o Decreto 43/1984, do 23 de marzo, polo que se regulan as funcións e a composición da Comisión de Toponimia.
DOG núm.118, do 22 de xuño de 1998.
Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra.
DOG núm. 144, do 28 de xullo de 1998.
Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Lugo.
DOG núm. 16, do 25 de xaneiro 2000.
Decreto 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña. DOG do 25 de marzo de 2003 e  Corrección de erros. DOG núm. 59, do 4 de abril de 2003.

 

Actividades comerciais

Lei 12/1984, do 28 de decembro, do Estatuto Galego do Consumidor e Usuario.
DOG do 1 de febreiro de 1985.
Artigo 23
Para garantir o dereito dos consumidores e usuarios a unha correcta información sobre os diversos bens e servizos que se ofrecen no mercado, a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia esixirá o estricto cumprimento da normativa vixente, común ou específica de cada produto ou servizo, relativa á fabricación, composición e etiquetado, presentación e publicidade dos produtos e servizos postos á venda.
Arbitraranse as medidas oportunas para a información sobre os bens e servizos, contida no etiquetado, facilitada nos establecementos mercantís ou difundida mediante anuncios publicitarios, sexa rigorosamente veraz e obxectiva, e, particularmente, sobre os seguintes extremos: orixe empresarial e procedencia xeográfica, natureza e composición; calidade, cantidade e categoría comercial; condicións de idoneidade para o consumo e advertencias sobre riscos previsibles; condicións dos servizos, prezos e demais características relevantes.
En todo caso, a Administración da Comunidade Autónoma fomentará a oportuna información sobre o xeito de utilización, as contraindicacións e as garantías dos produtos.
Para estes efectos, e no ámbito da Comunidade Autónoma Galega, propiciarase o emprego do galego.
Decreto 185/1994, do 16 de xuño, sobre a utilización do idioma galego nos productos e información ao consumidor e usuario en Galicia.
DOG núm. 120, do 13 de xuño de 1994.
Decreto que rexe o uso das linguas cooficiais na etiquetaxe dos produtos e a información que se lle debe proporcionar aos consumidores galegos.
Lei 60/2003, do 23 de decembro, de arbitraxe.

Artigo 28. BOE núm. 309, do 26 de decembro de 2003. Suplemento en galego núm. 2, do 16 de xaneiro de 2004.
Idioma da arbitraxe.
1. As partes poderán acordar libremente o idioma ou os idiomas da arbitraxe. Na falta de acordo, decidirán os árbitros, atendidas as circunstancias do caso. Salvo que no acordo das partes ou na decisión dos árbitros se previse outra cousa, o idioma ou os idiomas establecidos utilizaranse nos escritos das partes, nas audiencias, nos laudos e nas decisións ou comunicacións dos árbitros.
2. Os árbitros, salvo oposición dalgunha das partes, poderán ordenar que, sen necesidade de proceder á súa tradución, calquera documento sexa achegado ou calquera actuación realizada en idioma distinto ao da arbitraxe.

Lexislación da lingua galega.

 


créditos