FÓRMATE

Formación guiada:

Lingua xeral

Linguaxe administrativa

Linguaxe xurídica

 

Autoaprendizaxe:

E-galego

Galingua

Curso de galego en Wikibooks

Habilidades comunicativas

Proxecto Artello

A aprendizaxe e perfeccionamento do idioma galego é cada vez máis necesaria dado que incrementa cada día notablemente a súa presenza en todos os ámbitos da sociedade.
A demanda dunha maior calidade nas comunicacións e os deberes da Administración no impulso social do idioma fai cada día maior a necesidade de aprender galego, e atendendo ás diferentes necesidades formativas dos usuarios/as.
A aprendizaxe debe estar ligada ao uso en diferentes situacións comunicativas. Hoxe en día podemos acceder á ampla oferta formativa pública que relacionamos a seguir.


FORMACIÓN GUIADA:

LINGUA XERAL

- Celga
O Celga (Certificado de Lingua Galega) é un sistema de certificación que mide e avalía, mediante diferentes niveis de coñecemento lingüístico, a competencia comunicativa e o coñecemento do código lingüístico e cultural en lingua galega.
Estruturado en 5 niveis por orde de dificultade certifica o coñecemento de galego para os efectos de requisito e mérito laboral ou académico.
Este certificado obtense mediante un exame que se convoca dúas veces ao ano, habitualmente nos meses de maio-xuño e novembro-decembro. A proba é de carácter obrigatorio e é avaliada por un tribunal.
A administración pon á túa disposición diferentes cursos presenciais de formación preparatoria para estas probas, así coma os materiais de preparación dos diferentes niveis cos que preparar o exame pola túa conta.

Observación: Non existe correspondencia ninguna entre os certificados de iniciación e perfeccionamento e o actual Celga.
Para os efectos da Función Pública o certificado de iniciación, de galego oral e o de perfeccionamento manterán a súa validez administrativa.

Indicación: Consulta máis información na web dos Celga ou no Departamento de Lingua do Concello.

- Escola oficial de idiomas
Escolas oficiais de idiomas galegas tamén se poden cursar estudos de galego con acceso á validez oficial que proporciona o Celga.

- Cursos para extranxeiros
A universidade galega, a través das súas tres universidades: A Coruña, Santiago e Vigo, organizan cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia.
Estes son cursos teórico-prácticos que complementan a formación na aula con numerosas actividades culturais e lúdicas, para favorecer un mellor coñecemento da realidade galega.

LINGUAXE ADMINISTRATIVA

- Curso de linguaxe administrativa da Xunta de Galicia
Manual para a aprendizaxe do Curso de linguaxe administrativa da Xunta de Galicia.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou en 2007 o manual para o curso de linguaxe administrativa que convoca esta entidade.
Ademais de ofrecer múltiples textos de carácter administrativo comentados, conta con numerosas explicacións gramaticais e dos erros máis frecuentes na redacción deste tipo de documentos.
Inclúense tamén numerosos exercicios de práctica e consellos para unha mellora da redacción.

- Cursos de linguaxe administrativa da Egap
A Escola Galega de Administración Pública organiza cursos de linguaxe administrativa en dous niveis: medio e superior; destinado ao persoal da administración.
Manual para a aprendizaxe do Curso para a actualización da lingua e da linguaxe administrativa.

- Vocabularios específicos de linguaxe administrativa
Concello de Santiago: Léxico administrativo. Libro de estilo do Concello de Santiago.
Observatorio da Calidade e da Administración Electrónica de Galicia (2007): Glosario da Administración electrónica.
Secretaría Xeral de Emigración (2006): Glosario de termos administrativos.
Servizo de Normalización Lingüística da USC (2006): Termos esenciais de recursos humanos.
Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias (2008): Glosario de termos parlamentario.
Administración da Seguridade Social (2006):  Glosario de termos da Seguridade Social. 
Gómez Guinovart, X.; Á. Torres Padín (2005): Vocabulario xurídico-administrativo galego-castelán. Vigo: Universidade de Vigo-Servizo de Publicacións.
Docampo Pereira, M. (2001): Fraseoloxía xurídico-administrativa. Glosario galego-inglés-alemán-castelán. Viceversa, 6, páx. 131-160.

Observación: Só se relaciona material dispoñible na rede. Se queres información bibliográfica de material publicado en papel, ponte en contacto co Departamento de Lingua.

LINGUAXE XURÍDICA

- Cursos de linguaxe xurídica
A Dirección Xeral de Xustiza convoca anualmente cursos de linguaxe xurídica de nivel medio e superior, destinados a persoal de xustiza de dentro e de fóra da comunidade autónoma.

- Vocabularios especializados de linguaxe xurídica
Ramos Insua, M. (2008): Glosario de termos xurídicos dubidosos (castelán-galego).

AUTOAPRENDIZAXE:

O seguintes materiais de formación, malia que algúns deles non están adaptados ao cambio normativo de 2003, seguen a ser ferramentas interesantes de capacitación lingüística tanto polos seus contidos coma pola súa metodoloxía interactiva, práctica e de simulación, que proporciona altas garantías de aprendizaxe.

E-GALEGO

Curso de aprendizaxe en liña no que se traballan distintos motivos comunicativos: presentación e descrición de persoas, a práctica lingua na casa, no traballo, a comida, as viaxes, etc.
Cada unidade conta con dúas locucións en audio e unha en vídeo que ilustran tres situacións comunicativas relacionadas co tema da unidade. Ademais, os exercicios das unidades axudan a coñecer e aprender as estruturas lingüísticas do idioma.
O usuario do curso dispón tamén dun conxunto de notas sobre gramática e expresión que lle axudarán a comprender e expresarse mellor en galego.

 

GALINGUA

Curso interactivo de galego que incorpora un método de aprendizaxe de lingua centrado no uso e cun enfoque comunicativo que nos permitirá practicar o galego oral e escrito en diferentes situacións comunicativas: acudir a un espectáculo, chamar por teléfono, facer a compra, ir de viaxe, practicar deporte, etcétera.

 

CURSO DE GALEGO EN WIKIBOOKS

Curso en liña a través dun wiki que nos permite, a xeito de curso en liña, unha aprendizaxe da historia da lingua e da gramática, a través de exercicios de ortografía, morfosintaxe e léxico.

 

HABILIDADES COMUNICATIVAS

Dentro dos cursos de formación ocupacional do INEM existe un módulo de aprendizaxe de lingua galega que procura mellorar as habilidades comunicativas dentro do mundo laboral.

 

PROXECTO ARTELLO

Este proxecto da Secretaría Xeral de Política Lingüística está orientado á aprendizaxe de léxico e ortografía. Conta con exercicios e solucionarios que facilitan a autoaprendizaxe.


créditos