O Plan Director das Zonas Verdes e Espazos Públicos analiza o conxunto do municipio de Santiago atendendo a varias escalas: a territorial, que se corresponde coas parroquias; a urbana, tendo en conta a súa relación co contorno natural inmediato; e a das áreas verdes consolidadas. Dentro de cada unha destas escalas tivéronse en conta catro sistemas: o sistema verde (bosques forestais, ámbitos fluviais, terreos dedicados ao sector primario e zonas verdes da cidade); o sistema de espazo público (relativo a convivencia entre a mobilidade rodada e a peonil, e ás vinculacións históricas entre o ámbito rural e o urbano); o sistema da auga (cursos fluviais do Sar e do Sarela e o seu aproveitamento); e o sistema de usos (en relación ás potencialidades do espazo público de Santiago).

O Plan Director propón tres ideas en relación á chamada escala territorial ou das parroquias. A primeira pasa por fomentar o sector secundario vinculado ao primario agrícola, apoiando iniciativas privadas de produción do valor engadido dos produtos por cuestión de proximidade, identidade ou ecoloxía. A segunda proposta do documento en relación á zona rural é a reconstrución dunha rede de camiños locais entre as parroquias e o centro urbano, e a terceira ten que ver coa protección da paisaxe, situándoa no primeiro plano das políticas patrimoniais, fomentando os corredores ecolóxicos, e elaborando un catálogo da paisaxe.

No que ten que ver coa escala municipal ou urbana, o Plan Director incide na gran vinculación da cidade de Santiago co medio natural e rural do municipio. O documento aposta por reforzar esa conexión fomentando o mosaico forestal, consolidando os corredores fluviais e naturalizando os espazos urbanos. O obxectivo é establecer unha rede de eixos verdes radiais que enlace nas pequena se grandes zonas axardinadas da cidade coas áreas naturais circundantes e mesmo cos espazos agrícolas e forestais.

Tamén se aposta por potenciar os camiños históricos vinculados á peregrinación, que serven para conectar a capital coas parroquias, e o centro da cidade coa periferia. En concreto, o Plan Director propón potenciar os eixos do Camiño Francés, a Cidade da Cultura, a Ruta da Prata, o Camiño Portugués, o Camiño de Fisterra, o Camiño do Monte Pedroso, a rúa Vista Alegre e o Camiño Inglés.

Dentro da escala municipal, o Plan Director de Zonas Verdes e Espazos Públicos inclúe un apartado dedicado ao sistema da auga, no que se sinala a necesidade de avaliar o estado dos canais, fundamentalmente nos históricos do contorno do parque de Belvís. Por último, o documento propón a creación da Axencia para a Natura e a Cultura, na que estarían representadas as entidades públicas de Compostela e as empresas concesionarias dos servizos públicos, principalmente as que xestionan as zonas verdes de toda a cidade. Tamén participarían nesta entidade a comunidade educativa e as asociacións veciñais.

A terceira é a escala das zonas verdes e prazas. No Plan analízanse os parques patrimoniais, os parques fluviais, os xardíns urbanos, os parques transicionais e outros parques contemplados no PXOM.
Compartir: