SEGURIDADE CIDADÁ

Os barrios e parroquias de Compostela celebrarán o San Xoán con 237 cacharelas

21/06/2013 O concelleiro de Seguridade Cidadá, Luis Bello, deu conta das solicitudes de cacharelas para a noite de San Xoán, o domingo 23 de xuño. En total, sumadas tamén algunhas sardiñadas previas, autorizáronse 237 cacharelas.

Está previsto que na noite do 23 de xuño ardan 132 cacharelas na cidade (45 públicas e 87 privadas) e outras 105 nas parroquias do rural (2 públicas e 103 privadas). Previamente, o 21 de xuño, celebrarase unha sardiñada e unha cacharela-sardiñada e, o 22 de xuño, catro cacharelas-sardiñadas, dúas cacharelas e unha sardiñada.

O concelleiro aproveitou a rolda de prensa para lembrar as principais limitacións e normas de seguridade. Así, prohíbense expresamente as cacharelas nas seguintes prazas públicas: Obradoiro, Quintana, Toural, San Martiño Pinario, Cervantes, Inmaculada, Mazarelos, Irmán Gómez e San Agustín. O concelleiro lembrou que todas as fogueiras celebradas en espazos públicos serán supervisadas previamente pola Policía Local e polos Bombeiros, que inspeccionarán a zona e controlarán que se cumpran os requisitos esixidos en canto ao volume, separación entre árbores e edificios, etc.

Cando haxa máis dunha solicitude para o mesmo espazo público atenderase por rigorosa orde de entrada no rexistro. No que respecta á resposta do Concello, as cacharelas de particulares solicitadas a través da páxina web autorizaranse ou denegaranse vía correo electrónico e as que se fagan na vía pública publicaranse na web municipal.

Nestas celebracións é importante lembrar o número dos Bombeiros (080 ou 981542444). Así mesmo, ao finalizar a cacharela e antes de abandonar o lugar da mesma, os responsables da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas e deberán limpar inmediatamente o espazo autorizado ao remate da actividade.

Límites, prohibicións e horario
En canto ás características das cacharelas, na zona urbana o volume de combustible non superará os tres metros de perímetro nin un metro de altura. No caso do rural, o volume máximo será tres metros de diámetro e a altura máxima tres metros.

A separación entre fogueiras e edificios e árbores será como mínimo de 12 metros, excepto no caso urbano. Porase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables.

Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites e, en xeral, de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. En ningún caso se botarán ao lume recipientes con líquidos inflamables ou gases a presión, aínda que estean baleiros.

No suposto de que a cacharela se faga sobre terreos de uso público enlousados, os organizados encargarase de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros. Finalmente, prohíbese a colocación de pancartas que non estean expresamente autorizadas.

A hora límite para rematar a celebración é as 3:30 horas da madrugada, de acordo co horario establecido no Decreto da Xunta de Galicia para celebración de festas e romarías populares.

Cortes de tráfico
Algunhas destas cacharelas obrigarán a realizar cortes de tráfico o 23 de xuño. É o caso de Pelamios, onde se pecharán ao tráfico a partir das 17:00 horas, os cruces Burgo das Nacións-Carvalho Calero e Morón-Castiñeiros-Pelamios.

No barrio de San Pedro, producirase un corte de tráfico a partir das 21,:00 horas na rúa de San Pedro. Prohibirase o estacionamento na Cruz de San Pedro a partir das 15:00 horas.

Finalmente, na rúa Tabaniscas, á altura da rúa da Casa Agraria en dirección á rúa do Tambre, pecharase á circulación a partir das 20:00 horas.

Compartir: