DEPORTES

A pista de xeo estará aberta durante dous meses na praza da Quintana

24/11/2011 Nestes días estase procedendo á instalación dunha pista de xeo natural na praza da Quintana. O recinto estará aberto entre o 1 de decembro e o 31 de xaneiro, segundo anunciou o concelleiro de Deportes, Adrián Varela.

A pista de xeo natural ten unhas dimensións de 10 x 30 metros. Estará protexida cunha cuberta realizada con aluminio e PVC transparente. O Concello inviste 8.000 euros nesta instalación, que será inaugurada o xoves 1 de decembro, ás 20:30 horas, cun pequeno espectáculo, acompañado pola degustación de chocolate con churros e algunha que outra sorpresa.

De luns a xoves, a pista de xeo destinará un horario de 10:00 a 14:00 horas á presenza de escolares. Pola tarde, abrirá de 17:00 a 21:00 horas. Os venres, sábados e domingos, a instalación estará dispoñible de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 22:00 horas. Ademais, tanto os venres como os sábados o horario nocturno prolongarase estenderase dende as 23:00 ás 2:00 horas.

A entrada para os escolares nese tramo matinal de 10:00 a 14:00 horas terá un custo de 3,50 euros. Para o resto de horarios e público en xeral a entrada custará 6,50 euros a hora, ou 8,50 euros sen límite de tempo. En todos os casos os patíns están incluídos no prezo.

Compartir: