ALCALDÍA

O Pen Galicia presentoulle ao alcalde a IV Bienal Literaria Internacional

14/11/2011 O alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa, recibíu no Concello o presidente do Pen Club de Galicia, Luís González Tosar, quen lle presentou os actos da IV Bienal Literaria Internacional, que se vai celebrar en Compostela na segunda quincena de outubro de 2012. Nesta edición, o certame, baixo o título "Compostela, de pedra e de palabra", quere amosar o compromiso co medioambiente.

A Cidade da Cultura sería o marco elixido para este evento e serviría para achegar literaturas de Europa coas que Galicia a penas mantivo vínculos ata o momento, como as de Bosnia-Herzegovina, Polonia, Flandes, Suíza, Hungría, Noruega ou Escocia, entre outras.

No marco das actividades, este colectivo ten previsto a participación de escritores, xornalistas, críticos, profesores, editores e demais axentes que participan na escritura creativa, na industria do libro e na promoción da lectura.

O Pen Club, institución de carácter consultivo para asuntos literarios da ONU e da UNESCO, foi fundado pola escritora inglesa Amy Dawson Scott en 1921 en Londres. A sección galega, presidida por Luís González Tosar, data de abril de 1989.

Compartir: